Dani Rodríguez, como síntoma

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

25 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Dépor reformúlase estas semanas a súa política de canteira e de fichaxes. Pola necesidade dun buraco de 14 millóns no seu orzamento por ter consumido o seguro de descenso e tamén por convicción, xa que os xogadores da casa son unha fixación para o novo presidente, Paco Zas, curtido nos campos de terra da Coruña nos anos 70. Sen caer en demagoxias, ás veces abonda con pór algo de interese no mercado máis próximo. A final da promoción ante o Mallorca serve para lembrar como durante anos se puido desprezar o talento dun futbolista da casa como Dani Rodríguez, convertido en verdugo o domingo pasado en Son Moix noutro fenomenal partido. Betanceiro, deportivista, canteirán, con 21 anos fixo as maletas para xogar en Conca. Logo pasou outros dous cursos en Segunda B en Ferrol, onde a calquera cun mínimo interese en seguir a evolución dos mozos de Abegondo unha vez que deixan a casa haberíalle chamado a atención xa nun equipo de play off de ascenso. Santander, Albacete, Mallorca... Cada vez resultou máis sinxelo seguirlle a pista a un rapaz que creceu vendo goles de Champions tras as porterías de Riazor como recogepelotas, pero ao que se lle negou unha segunda tarde coa branquiazul despois do seu debut co primeiro equipo da man de Lotina no Ramón Sánchez Pizjuán.

Cando deixou Abegondo no 2011, talvez Dani Rodríguez non tiña o talento incontestable para xogar nun Deportivo de Champions, unha categoría que xa levaba tempo sen ser unha opción verosímil para un club condenado a unha economía de guerra. Descendeu ata tres veces a Segunda o equipo sen que ninguén acertase a apostar de verdade por Dani Rodríguez. Carmelo do Pozo, cun bo número de acertos no verán da súa apresurada chegada á praza de Pontevedra, ten agora a oportunidade de atopar Danis que alimenten a identificación da bancada co equipo e acompañen unha reconstrución solvente do vestiario.