Álex Bergantiños: «Sufrimos como un equipo»

TORRE DE MARATHÓN

Carlos Guerrrero-LOF

Bergantiños destacou o labor colectivo e lembrou que «non hai nada feito», mentres que Bóveda reclamou «humildade, unión e ilusión»

16 jun 2019 . Actualizado ás 00:34 h.

«Non meto moitos, pero o de hoxe foi importante. Pechou un pouco a eliminatoria. Eles podía apertar ao final». Bergantiños aínda levaba un sorriso enorme cando abandonou o vestiario da Rosaleda. Feliz polo seu gol, pero sobre todo polo triunfo dun equipo «solidario». «Xuntámonos moito, é importante ter equilibrio», presumía o capitán.

Entre a euforia, o centrocampista coou a habitual mensaxe de cautela: «Hai que seguir, non hai nada feito. Hai que seguir traballando. Soubemos sufrir no campo. Sufrimos como un equipo». «Ao final eles métenche aí. Foron atrevidos», admitía o coruñés.

Tamén se refería á esixencia do choque. «Estamos todos nas mesmas condicións, viuse a amplitude de armario e de persoal. Agora hai que recuperar para o xoves», subliñaba, evitando manifestar as súas preferencias de cara á última fase de promoción: «Vai ser un rival duro sexa quen sexa o que pase. O importante é que chegue o máis canso posible».

Tamén desvelou a mensaxe de José Luis Martí tras o encontro. O agardado: «Díxonos que non temos nada feito, que queda unha eliminatoria durísima».

Nesa idea coincidía outro dos destacados do duelo. «Hoxe estamos súper contentos e dentro de catro días teremos un partido contra un rival dificilísimo. Os dous demostrárono durante todo o ano. Hai que ter humildade, e unión, e ilusión» reflexionaba Eneko Bóveda ao pasar por zona mixta.

Alí comentou tamén a cita co Málaga: «A intención era xogar esquecendo o marcador. O medo faiche ir mirando á pantalla de arriba e todo o que mires á pantallita é tempo que deixas de mirar ao partido. Destacaría o traballo do equipo no colectivo, nas axudas, tapando ocos».

Entre os auxilios que o lateral recibiu, destacou as de dous compañeiros. «Agradézollo a Nahuel e a Pedro. Botaron un cable do leite», felicitou para destacar a continuación que «Álex fixo tamén un partidazo». A súa última mención, para Martí: «O míster demostrou valentía, despois dun marcador favorable a tentación é repetir».