Quen di que un mércores ás nove non é un bo horario?

Fran González

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

11 jun 2019 . Actualizado ás 20:16 h.

Ante todos aqueles que insisten en que non é un bo horario. Non o é? Pois eu creo que si. A min era das horas ás que máis me gustaba xogar. Polo tema da humidade, porque o campo estará rápido, porque a xente sae de traballar e porque os que viven nos arredores da Coruña terán tempo para chegar. Que si, que ao día seguinte hai que madrugar, pero eu creo que merece a pena para conseguir o obxectivo polo que se estivo pelexando durante corenta e pico xornadas. Así o creo eu, e se Riazor picou nalgún partido este curso é porque, nalgúns momentos, non houbo boa conexión entre o equipo e a bancada. Pero todo se reiniciou tras o duelo ante o Córdoba. Xa viron como a xente respondeu. Teño a sensación de que hoxe vai haber moitísima xente no estadio.

Ás veces soa a clixé todo iso do xogador número doce, de que o primeiro gol o marca o público, pero é a realidade. E a diferenza é abismal. Ver o estadio cheo xa che dá un plus de forza, de mentalización e en momentos puntuais do partido, cando ves e escoitas que a xente che anima, sacas forza onde non as hai. Créanme, é totalmente diferente.

Recordo cando empecei a xogar no primeiro equipo do Dépor. Por entón viña moi pouca xente. Vindo daquilo, cando logo vives o que eu vivín en casa, esa xente fantástica e esas bandeiras... Todo iso che enchufa definitivamente. Era unha sensación realmente única. E creo que o ambiente será así. Como futbolista me tocou vivir situacións delicadas. Todos os éxitos, pero tamén promocións como a do Betis e aí o ambiente é totalmente diferente. É outra historia, non son tres puntos e a xente xoga un papel determinante.

O equipo necesitará todo ese apoio. Todas estas horas se viven con moita tensión, a responsabilidade de sacar o partido adiante pesa, son partidos difíciles de xogar porque ás veces che pode máis o corazón que a cabeza. Manexar o partido é o máis complicado. Creo que está claro que tocou o que, para min, é o rival mais difícil. E creo que eles pensarán o mesmo, ningún debe de estar contento, é evidente.

Eles teñen a baza do ex, con Víctor Sánchez do Amo que coñece ao Dépor moitísimo e sabe o que se vai vivir en Riazor. Iso xoga ao seu favor, pero nestas situacións tense que ver dunha vez por todos a ese equipo que durante toda a Liga estivo aí, sempre como candidato ao ascenso. Chegou o momento. Non hai volta atrás. Non hai marxe de erro. E fai falta que Riazor xogue.