Fin de festa para o Dépor, que o martes coñecerá o seu primeiro rival polo ascenso

La Voz

TORRE DE MARATHÓN

Óscar Vázquez

O equipo feminino loitará por ascender á Liga Iberdrola

20 abr 2019 . Actualizado ás 22:18 h.

A Liga regular de Segunda División feminina bota o peche este domingo coa disputa da última xornada. O campión Deportivo recibe en Abegondo (12 horas) ao subcampión Oviedo, no epílogo dunha competición na que as coruñeses acumulan 24 vitorias seguidas, tras o esvarón inicial contra o Lugo (2-2).

O equipo de Manu Sánchez xa está xa que logo clasificado para disputar a promoción de ascenso á Liga Iberdrola, que na tarde deste martes vivirá o sorteo da primeira eliminatoria, para o que tamén aseguraron a súa presenza o Zaragoza, o Tacón madrileño, o Femarguín e o Tacuense canarios (un como campión e outro como mellor segundo). As tres prazas restantes serán para Osasuna (65 puntos) ou Deportivo Alavés (64); Santa Teresa (69) ou Selecta (68); e o Alhama (58) ou o Vilarreal (55).