Golpeo e fe cega do rematador

Miguel Figueira

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

04 abr 2019 . Actualizado ás 18:59 h.

Hai que partir da base de que a importancia do balón parado é enorme, mesmo para moitos equipos que presumen de xogar ben ao fútbol, en contraste cos que o fan dun modo máis directo. Todos necesitan traballar este aspecto do xogo porque, se analizamos as estatísticas, vemos que hai unha gran cantidade de partidos que se abren cunha acción deste tipo. E máis se falamos de competicións tan igualadas como pode ser a Segunda, na que cada duelo é tremendamente igualado. Partindo desa premisa, a clave do éxito para dominar esta arte do fútbol, se falamos das xogadas que se resolven en dous toques, é o acerto dos lanzadores e a fiabilidade que poidan ter os rematadores. Incide moito máis a fe, a confianza e o talento dos futbolistas que o traballo diario que se poida realizar. E é aí onde se explica que poida haber fases da competición nas que esteas máis acertado que outras. Non é que se deixou de traballar. Pasa como co olfacto goleador dos dianteiros, inflúen moito os refachos. Hai momentos de confianza máxima na que sae todo: o lanzador métea onde quere e o rematador vai con fe cega de que a vai rematar e métea . Falamos sempre de xogadas de remate directo. Con máis de dous toques xa require de máis análise e traballo diario. Pero a experiencia é o que me di, tamén como bo rematador de cabeza que fun no seu día. Pero ollo, o golpeo do lanzador tamén se traballa a diario a base repeticións. No caso particular do Dépor, tamén hai que ter en conta que os seus principais rematadores [Duarte, Marí..] non eran coñecidos na categoría e aproveitárono para sorprender. A medida que pasan as xornadas, os rivais xa saben que zona de influencia ten cada un e poden traballar para contrarrestar as súas fortalezas. Un pouco parecido ao que sucedeu co rombo, que tardaron en ver a debilidade.