Edu Expósito resúmese en tres palabras

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

16 feb 2019 . Actualizado ás 19:59 h.

Dous caños no teu debut. Así é doado namorar á bancada desde o primeiro día. O caño, tamén chamado túnel, é unha acción arriscada no táctico e no anímico. É frívolo en parte, pero require técnica. Non se adoita pensar demasiado, aínda que tampouco é un reflexo inmediato. Un caño di, sobre todo, moito do carácter dun xogador. Unha arma de calibre baixo no futbolístico pero munición pesada para humillar ao rival. E iso gusta.

Joni Montiel tirouse dous no seu debut co primeiro equipo e, nun deses partidos que quitan as ganas de volver a Riazor, ver a un rapaz con esa desenvoltura e xeitos é un analxésico contra a rabia. E ata aí, porque aínda non sabemos que tipo de xogador é Montiel. Porque de caños non se vive, como moito se malvive unha tempada. Acórdanse de Emre Çolak?

Edu Expósito é xa outra cousa. Que isto é Segunda División, vale, pero se se repasa a lista de mediocentros creativos que tivo o Deportivo nos últimos dez anos, quen atesouraba esa clase?, quen mesturaba así a elegancia coa intelixencia? Guilherme, Borges, Fajr, Medunjanin, Juan Domínguez, Antonio Tomás, Juan Rodríguez... Algún espertoulles un espontáneo «que bo es» na zona onde realmente se cociña o fútbol? O faro do Fabril de Parralo sácache esas tres palabras da boca. Cun «simple» control, con só a súa forma de levantar a cabeza. E dicir no alto. Aínda que non teñas a ninguén preto e esteas vendo o partido mentres traballas na cabina de peaxe da autoestrada menos transitada do mundo.

Mérito para o que o atopou e para o que o puxo a xogar. Hai que coidarlle. Para reterlle estaría ben ascender. E para ascender, estaría ben gañar ao pechacancelas en casa.