Un Dépor máis branco que azul

La Voz

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

O Dépor viu o seu clásico equipamento alterado no último duelo no Carranza

20 dic 2018 . Actualizado ás 20:00 h.

Dous puntos escapáronse do Ramón de Carranza no minuto 84. Lobos igualaba o gol de Iago Iglesias para lograr o empate no marcador. Era a xornada 34, mes de abril do ano 2006, e o Dépor apuraba as súas opcións europeas. O empate mantiña aos de Caparrós na sétima praza da táboa que aseguraba o rodeo cara a competicións continentais vía intertoto.

CESAR QUIAN

Pero a imaxe máis curiosa que deixou aquela tarde de domingo gaditana foi a do equipamento que vestía o Deportivo. Non debeu de parecerlle suficiente a diferenza entre o amarelo e branquiazul a Vicente Lizondo Cortés, e por iso o conxunto coruñés tivo que renunciar ao seu clásico pantalón azul para enfundarse o branco do terceiro equipamento. Aquela cor pistacho que nunca levantou demasiadas paixóns entre a inchada herculina. Non deu sorte ao equipo que non puido selar a súa vitoria e que mesmo acabou o partido con dous xogadores expulsados: Jonathan de Guzmán e Manuel Pablo.

CESAR QUIAN

E alí plantouse o equipo. Molina en portería, Héctor, Juanma, Coloccini e Romero en defensa. Con Capdevilla pola banda esquerda e o extécnico deportivista Víctor Sánchez do Amo no costado destro. Duscher e De Guzmán no pivote, Iago de enganche e Arizmendi en punta de ataque. Participaron desde o banco Manuel Pablo, o Toro Acuña e Diego Tristán. Non agardaba o de La Algaba que dentro duns anos vestiría de amarelo.

ROMÁN RÍOS | EFE

Non foi o ano do Dépor que empezaba o seu costa abaixo. O equipo iniciaba unha descomposición que aínda hoxe paga. Nin sequera ao final de curso puideron darse unha homenaxe, a sétima praza perdeuse na última xornada. O Dépor perdeu na última xornada en Mendizorroza e o Vilarreal gañaba ao Rácing de Santander en casa. O Cádiz, por certo, descendeu.