Doen sobre todo as formas do empate do Deportivo

José Manuel Pose

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

08 dic 2018 . Actualizado ás 20:48 h.

É a forma a que máis doe no empate do Deportivo, sobre todo polo malacostumbrada que comezaba a estar a parroquia deportivista. No guion de todos o 2-0 ao descanso era, en realidade e por sensacións, un 4-0. Pero o máis grave para min volveu ser que, por segunda xornada consecutiva, non houbo resposta ante un cambio táctico do rival. Este non foi contrarrestado por un Deportivo que viviu instaurado na comodidade do resultado ata o 2-1. Logo, si que reaccionou dez minutos, entre o 65 e o 75, pero cando parecía máis preto o 3-1, chegou o 2-2 e rachouse o equipo.

Cal foi o cambio táctico con que o Numancia revolucionou o partido? A entrada de Alain ao descanso provocou situacións de dúas contra un na banda dereita do Deportivo e, ademais, López Garai retirou a un punta máis ríxido para introducir a outro máis móbil. Abría así a chegada de xente por dentro. O maior exemplo foi a xogada do segundo gol: centro e chegada do mediocentro desde fóra cara a dentro. Multiplicouse a mobilidade polos exteriores do Numancia, alí por onde todos sabemos que se acha a debilidade do Deportivo.

A contestación desde a lousa foi pasar a Borja Vale á esquerda e Expósito á dereita, con Carles Gil na mediapunta. Pasou a xogar un 1-4-4-1-1, pero unha vez máis se demostrou que defender con máis non significa defender mellor. Por unha banda, apenas lle duraba a pelota, porque por diante xa só estaba Quique e unicamente Gil era capaz de soster a posesión. Ademais, o equipo atopábase moi lonxe de onde quería atacar e o seu mediocampo había de facer o dobre de esforzo. Por iso, o Deportivo volveu ao rombo, onde se atopa máis seguro. Entrou Bergantiños e, moito máis tarde, Krohn-Dehli nunha reacción un pouco tardía desde o banco.

É verdade que o partido se puido resolver na primeira parte, pero por iso doe máis o empate, porque o que podía ter sido unha goleada converteuse no adeus a dous puntos que agardo que non botemos de menos máis adiante.