Foi un dos partidos máis complicados para o Deportivo. E non estivo ben co balón, produto do traballo de presión adiantada do Almería e dos seus propios erros para tratar de ir excedendo liñas do rival. Non puido facelo en ningún momento. Era todo barullo e balóns disputados, pero os contrarios gañábanos sempre. O seu traballo en bandas, con dobres parellas, abondoulles para pórse por diante cun gol que parecía definitivo. Pero da nada Fede Cartabia sacouse un tiro que contou coa colaboración da man branda do porteiro para que o Deportivo sumase un punto que non se agardaba.
Creo que se agardaba un Almería replegado, pero atopouse un adversario moi presionante. Juan Carlos vixiou aos centrais, os interiores aos laterais do Dépor, e os laterais locais emparellábanse con Expósito e Vicente. Practicamente era un un contra un en todo o campo que o Dépor nunca soubo resolver. Era un partido para acabar tendo que xogar en longo, pero o equipo non parece acostumado xogar así. Só o vimos na última xogada, o balón peiteado de Santos que Quique case aproveitou. O que máis me inquietou foi que o Deportivo comezou cun debuxo innegociable e acabou co mesmo, aínda que o rival fose superior. Ás veces hai que cambiar a partitura, porque se non fose por unha acción individual, onte á noite non empatase.