Estratexia, convicción e eficacia do Deportivo

José M. Fernández

TORRE DE MARATHÓN

Anxo Manso

10 novs 2018 . Actualizado ás 22:44 h.

Unha nova proba. Por primeira vez na tempada visitou Riazor un rival, aparentemente, sen complexos, disposto a pórllo difícil a un conxunto que nin regala o balón nin pasa apuros ao abrigo dos seus. E, polo visto, o equipo de Natxo González está tamén preparado para este tipo de probas. Aguantou o ballón inicial, non perdeu a calma e golpeou ao seu rival coa estratexia, esa sorte á que tamén se apuntou nas últimas xornadas. Despois chegaría a eficacia.

O heterodoxo Dépor á hora de defender o balón parado non encaixa na estratexia e é capaz de sumar puntos grazas ao seu bo uso. Así abriu o partido, coa estratexia e a tranquilidade que transmite o saber o que ten que facer en cada momento. Cre tanto o Dépor no que fai que non cambia de marcha nin cando se sente apurado ou presionado polo seu rival. Apertou o Oviedo, que cría ter chegado a Riazor coa lección aprendida, cos tres centrais, un medio do campo aberto e poboado e a consigna de presionar a saída de balón branquiazul. Un bo plan para un mal resultado, roto pola eficacia dun Dépor que comeza a necesitar moi pouco para levar os puntos: a imaxe dos equipos que tradicionalmente marcan o ritmo en Segunda, tira proveito das debilidades alleas.

O Dépor ten oficio, cada vez manexa mellor os partidos e agora, ademais, comeza a ser letal arriba, a dominar as dúas áreas, a propia con dúas centrais crecidos na confianza e a allea cun par de dianteiros en estado de graza. Este sábado, por fin, viviu un tramo final tranquilo, con cambios que tiveron máis que ver co futuro que co que se vía no campo. Bo sinal.