O que vai do sol á tormenta

Iván Antelo A Coruña

TORRE DE MARATHÓN

ANGEL MANSO

O Fabril comezou ben, pero acabo desnortado ante o Adarve (2-3)

13 oct 2018 . Actualizado ás 19:51 h.

Un partido que comezou con sol e calor sufocante; e que acabou con son de tronos e no medio dun vendaval. Igual de estraño que ver a un Fabril convincente e superior na primeira parte; e outro desnortado e fallón na segunda. E o Unión Adarve aproveitouse desa bipolaridade. Un 2-3 finais, no que vai do sol á tormenta.

O encontro xa comezaba raro desde a previa. O Deportivo anunciaba o sábado unha convocatoria na que non estaban nin Javi Cobo nin Víctor García, e logo ao cabo si que xogaron. Ademais, Tito Ramallo continuou movendo a árbore en procura de solucións, e nesta particular ruleta rusa foron sacrificados Mujaid, Guillermo May e o propio Javi Cobo.

Pero aínda así, viuse a un bo Fabril no arranque. Juanje estaba chisposo e Joni Montiel e Sebastien filtraban balóns interiores con perigo. Incluso os laterais se asomaban con perigo, En definitiva, un bo nivel coroado coa guinda do tanto de Juanje, tras un forte lategazo desde a frontal da área. Uxío tivo nas súas botas o 2-0 no minuto 10 tras un pase xenial en profundidade de Joni Montiel, que o dianteiro lucense estrelou contra o corpo do meta visitante. Joni (22), Blas (29), Sebastien (32) e Juanje (35), cun disparo desde o pico da área que se marchou fóra por pouco, continuaron o asedio local. Foron 40 minutos iniciais, case perfectos, para gozar en manga curta e con abano.

Ninguén se imaxinaría en Abegondo que acabaría tembloroso, e non só pola anunciada tormenta que se aveciñaba. Bravo empatou no 40, pero un erro de Parra permitiu a Joni a facer o 2-1 no 45,

E ata aí todo o bonito do filial branquiazul. Os coruñeses enredáronse en pases de seguridade e acabaron pagándoo con dous erros defensivos impropios da categoría. O 2-2, nacido dunha mala saída de Pedro, acabou desnortando a un Fabril incapaz de profundar no seu xogo (62). O 2-3 foi nun córner pechado, rematado en área pequena (72). Foi nese momento cando se escoitaron os primeiros tronos. A tormenta acababa de chegar. A meteorolóxica e a outra, a máis importante.

Ficha do partido

Fabril: Pedro López; Blas, Gaizka, One, Quique; Carlos López, Sebastien (Javi Cobo, min 67); Víctor García, Joni Montiel (May, min 80), Juanje (Villares , min 74); e Uxío.

 Adarve: Parra; Souza, Miguel, Juanma, Miñambres (García, min 75); More, Escobar (Olmedo, min 55); Bravo, Berodia (Guille, min 80), Portilla; e Álvaro Sánchez.

Goles: 1-0, min 6: Juanje; 1-1, min 40: Bravo; 2-1, min 45: Joni Montiel; 2-2, min 62: Álvaro Sánchez; 2-3, min 72: Álvaro Sánchez.

Árbitro: Pérez Gonzalo (Cantabria). Amoestou ao local Carlos e aos visitantes Miñambres, Souza e Escobar.

Incidencias: partido celebrado en Abegondo ante 2.000 espectadores.