Bo punto nun partido máis gris

Carlos Brizzola

TORRE DE MARATHÓN

MARCOS MIGUEZ

08 oct 2018 . Actualizado ás 11:33 h.

Para analizar o encontro, o primeiro que hai que ter en conta é que equipo estaba en fronte. O Málaga é un conxunto que non permite moitas alegrías. Que se pecha ben. Que defensivamente traballa de xeito extraordinario. E ante un rival con esas cualidades, o Dépor estivo máis gris que noutras ocasións.

Puido irse con vantaxe no marcador ao descanso tras dúas accións illadas que saíron fóra e, logo, co gol en contra viuse superado por momentos polo Málaga que, a diferenza do conxunto coruñés, si foi capaz de xogar o partido que quería.

Sen Vicente nin Pedro Mosquera faltou algo de fútbol. E máis cando Natxo decidiu retirar do campo a un Carles Gil que era o que máis estaba a xerar. Creo que Carlos Fernández é un futbolista que se pode adaptar perfectamente a esa mediapunta. E non me desgustou velo aí. Pero non sei por que o valenciano non pode actuar nalgún dos vértices laterais do rombo. Paréceme ben que co marcador en contra meta máis xente arriba, pero non á conta de perder ao home máis creativo. Eu púxoo por Moreno ou mesmo por Krohn-Dehli.

O gol do empate foi máis froito dunha acción illada que consecuencia do xogo. Un centro, case chute, de Bergantiños, buenísimo, e Carlos Fernández que acerta. E nese momento parece que pode ter partido e levarllo o Dépor. Ata que, incomprensiblemente, chega a vermella a Quique.

Nunca vin expulsar a un futbolista por unha acción deste tipo. Non o entendo porque el non sabe que o do Málaga está aí nin nada. Por todo isto que comentei, considero que o punto resulta moi valioso tal e como se desenvolveu o encontro e tendo en conta o potente rival que estaba en fronte, que me dá que se vai deixar moi poquitos puntos este ano.