No bo camiño

jose manuel fernández

TORRE DE MARATHÓN

MARCOS MIGUEZ

25 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Correcto e con máis ritmo que en xornadas anteriores, o Dépor mellora, aínda que lle custe superar algunhas dúbidas na área rival e non sexa capaz de sortear o sufrimento de última hora. Dominou a un rival que chegou a Riazor en refacho e non sufriu en campo propio, pero faltoulle pegada no primeiro tempo, faísca para ter resolto pola vía rápida un partido que controlou con suficiencia. O choque resolve ademais unas cantas dúbidas. Polo menos en Riazor, Natxo González prefire dous xogadores de ataque con mobilidade -Carlos Fernández e Quique González- e pode confiar en Saúl; polo visto onte, o seu ostracismo resulta aínda máis sorprendente. O lateral cántabro fala o mesmo idioma que Vicente, co que parece ter comezado unha produtiva sociedade, chega á liña de fondo e o seu pé esquerdo deixa poucas dúbidas.

Firme atrás -consolidada a parella de centrais-, o conxunto coruñés só sufriu no arreón final dun Selecta aseado nas formas, pero tímido en ataque. Mosquera parece pedir tempo para recuperar definitivamente o ritmo, o mesmo que demanda Didier Moreno para atoparse, mentres que Vicente Gómez se afianzou, ademais de conectar coa bancada e Expósito é un máis. En Carlos Fernández intúese bastante máis do que ofreceu e Quique González apunta á súa mellor tempada ante a portería rival.

A estas alturas, suficiente.