Camiño dos vinte mil

La Voz

TORRE DE MARATHÓN

Alina Espiño

Case dezaoito mil afeccionados xa retiraron o seu abono do Deportivo

03 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Onte concluíu o prazo marcado polo club para reservar o asento aos abonados de cara á próxima tempada e o Deportivo xa conta con case dezaoito mil abonados. A falta dun reconto das altas e renovacións por Internet, que se realizará esta mañá, o club pechou onte a oficina de despacho de carnés con 17.839 abonados. Isto supón case dous miles máis que o mesmo día de fai cinco anos, no que foi a última campaña en Segunda. Con estes datos, a entidade branquiazul márcase agora o obxectivo de acadar os 20.000 socios antes de que comece a Liga , o día 17.

Deste xeito, a falta de cinco semanas para que o primeiro equipo debute en Riazor na categoría de prata do fútbol nacional, os datos reais sitúanse a só tres mil do cálculo realizado polo consello de administración cando deu a coñecer a nova campaña de abonados.

A exigua redución de apenas un cinco por cento no prezo dos carnés, nin o descenso, botaron atrás aos miles de deportivistas que xa pasaron polas dependencias da oficina principal de Correos na Coruña para retirar o seu abono.

Na campaña 2013-2014, o Deportivo conseguiu superar os vinte mil inchas a finais de agosto, cando o campionato xa empezaba, e acabou tendo máis de 21.000, cifra que, na actualidade, na praza de Pontevedra non hai dúbida de que se vai superar con fartura.

Con estes números, segundo os datos recolleitos nun estudo realizado polo xornalista Roberto Bayón, o Deportivo sería o terceiro club de Segunda División con maior número de abonados a día de hoxe, só superado polo Real Zaragoza e o Sporting de Xixón.

Cambio de asento

Con estes datos pechou o Deportivo o prazo de renovación de abonos con dereito a reserva de asento. A partir de hoxe, o club permite ao resto de socios elixir novas localidades entre aquelas que se atopan baleiras. Para iso, os afeccionados deben solicitar cita previa, a través da páxina web. Este prazo estenderase ata o próximo día 10, momento no que poderán optar aos asentos liberados todos os que se fagan abonados.