«Estarei co corazón partido, pero débome ao Leganés»

TORRE DE MARATHÓN

SUSANA BEIRA

Raúl García eloxia a un Dépor «que agora está a xogar con esa garra que tiña que ter tido toda a tempada»

19 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Raúl García é coruñés, de Catro Camiños, canteirán deportivista e xogou unha man de partidos no primeiro equipo. Pero mañá (21.00 horas, beIN LaLiga) co Leganés enfrontarase ao Deportivo nun partido vital.

- Antes do Barça, o Celta , o Vilarreal e o Valencia, o do Leganés é o partido máis sinxelo que queda ao Dépor.

- Nin os meus compañeiros nin eu estamos de vacacións. Todos pensamos que temos que certificar matematicamente a permanencia, e que queremos quedar o máis arriba posible. Na primeira volta estivemos en posicións máis elevadas, pero na segunda baixamos un pouquiño ese rendemento, e queremos recuperalo no tramo final para quedar o máis arriba posible.

- Converteron Butarque nun dos máis complicados cal é o segredo?

- É un campo pequeno que sempre se enche, e a xente está moi amais do céspede. Iso fai que apertemos moito e que aos rivais sempre lles custe máis.

- É o máis pequeno da Liga ?

- Parece máis pequeno do que é, pero a nós está claro que nos favorece e que a nosa permanencia pasou por eses puntos sumados en casa.

- Que lle parece o Dépor de Seedorf?

- Agora estase vendo coa auga ao pescozo, está apertando máis os dentes e estase vendo un Dépor diferente, con esa garra que tiña que ter tido toda a tempada. Como afeccionado dóeme e dáme moita rabia a situación en que está. Oxalá saia adiante, pero a realidade é que o ten moi complicado.

- Imaxinouse o partido? Como cre que o vivirá?

- Estarei co corazón partido, pero como profesional me debo a este club, que confiou en min, así que o darei todo por gañar. Nós tamén nos estamos xogando moito. Desde que houbo os novos contratos de televisións non é o mesmo quedar nunha posición de que outra, así que canto máis arriba, mellor.

- Só dez días antes do seu aniversario, perdoaríase marcar o gol do descenso do Dépor?

- Sería duro. Pero se marco, tampouco se podería tomar como o gol do descenso, porque o Dépor vén nunha situación moi complicada. E, ademais, logo aínda quedarían xornadas. Pero para min sería duro, está claro.

- Cre que quedarán posibilidades, se non gaña en Leganés?

- Mentres as matemáticas non digan o contrario, o Deportivo ten que loitar. E aprender que non se poden deixar as cousas para o último día. Cada punto é ouro durante a tempada. Un punto en outubro, por exemplo, pódeche salvar. Hai que dalo todo desde o principio para loitar por metas máis bonitas.

- Supoño que nas súas contas de afeccionado deportivista estaría que o martes gañase ao Sevilla, verdade?

- Si, a pena é que se foron do partido con esa sensación de que puido ser, que tiveron ao Sevilla a punto e que a afección animou incriblemente, que iso é importante, que todos remen na mesma dirección, porque nestes momentos todo o mundo ten que ir para o mesmo lado. Onte no partido viuse que a afección deu a cara polo equipo.

- Como ve ao gran rival coruñés, o Levante, parécelle firme ou con dúbidas?

- Ten un colchón, pero non se pode relaxar. É perigosa a súa situación, porque se ve un pouco por arriba, e iso talvez faga que mentalmente crea que o ten medio feito. Mentres o que está por abaixo non ten nada que perder, vai a matar e só pensa en gañar. Dependerá de que non se pensen que o teñen feito.

- Cal sería o seu resultado ideal do partido de mañá?

- (Ri). Para nós, gañar e conseguir matematicamente o obxectivo da tempada. Para o Dépor, está claro que sumar os tres puntos sexa como sexa.