A remontada na clasificación é un labor de equipo

José Ramón

TORRE DE MARATHÓN

GONZALO BARRAL

19 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Chamoume a atención o gran número de cambios de Seedorf respecto da etapa de Cristóbal, e resultoume chocante que Bakkali fose un dos elixidos para volver ao equipo por diante de Cartabia ou Carles Gil. Non se se a decisión partiu del ou dos seus compañeiros, pero tívoo moi claro. Calquera destes son xogadores desequilibrantes, pequenos, de caneo e condución, pero non fortes defensivamente. Ata agora o rendemento de Bakkali foi moi intermitente, pero de súpeto volve e achega o que xa quería no seu momento Cristóbal dos xogadores de banda: un contra un ou chegadas de dúas para dúas, desequilibrio e axuda defensiva ao lateral. Neste sentido, o belga está facendo ben as cousas e sendo protagonista a perna cambiada, pero a situación do equipo non é a mellor e os compañeiros tampouco o están acompañando moito.

Está a gustarme a súa achega, pero non está a ter sorte e estou a botar en falta alguén ao seu lado para darlle liñas de pase e máis posibilidades en ataque. Non creo que sexa un xogador individualista, esa característica de agachar a cabeza e buscar o desequilibrio é unha das pautas que moitas veces se marcan desde o banco.

Neste momento, máis que a xogadores concretos, o Dépor necesita ao conxunto. Cada un debe achegar o máximo das súas posibilidades, pero é a suma a que debe predominar sobre a achega individual. O sábado pasado, Bakkali foi o máis desequilibrante, mesmo tivo un tiro ao poste, pero non chegou coa súa achega, necesítanse máis xogadores implicados. Non pode aparecer un e desaparecer os demais. O problema é o conxunto, Bakkali é un bo futbolista e pode ser importante con Seedorf, pero con el non basta. A remontada na clasificación é un labor colectivo, e por agora no Dépor non se ve un equipo.