Thomas Vermaelen, reencontro feliz

TORRE DE MARATHÓN

CESAR QUIAN

O belga, recuperado por Valverde, debutou co Barça o día da milagrosa salvación do Dépor no Camp Nou

13 dic 2017 . Actualizado ás 18:01 h.

Regresou a semana pasada para lembrar vellos tempos. Os goles da Juve, que xogaba á mesma hora no Pireo, fóronlle restando transcendencia ao encontro, así que cando marcou en propia porta, xa no tempo extra, quedou tombado boca abaixo sobre o céspede, sorrindo. Mathieu volvera ao Camp Nou de visita, enrolado no Sporting de Portugal. Figura o francés na lista de invitados do imaxinario branquiazul por outra das súas actuacións no feudo culé. Aquela, como local.

Engrosaba a zaga adversaria na última gran xesta asinada polo Dépor. Un empate sobre o arame en casa do Barça campión de Liga , que aínda habería de sumar Copa e Champions antes de pechar o curso 2014-2015. Pendente dese par de finais, Luis Enrique enfrontara ao Dépor cunha versión menor. En defensa, por exemplo, acompañaban a Mathieu outro par de futbolistas que non visten de azulgrana a día de hoxe. Adriano, agora no Besiktas, ocupaba o carril dereito. Bartra, traspasado despois ao Dortmund, exercía de central. A súa parella estaba do trinque esa tarde, e é o único que resiste no cadro de persoal do conxunto catalán; de volta en Barcelona tras seis meses de cesión.

Vermaelen fichou a principios de agosto do 2014 polo club catalán, ao que chegou arrastrando problemas nos isquios, detectados durante o mundial do Brasil. As molestias creceron ata converterse en lesión e requirir cirurxía, que foi practicada en decembro, desencadeando un novo proceso de recuperación. Outros seis meses de espera para acadar os dez. Cando o Dépor acudiu ao Camp Nou a xogarse o futuro en hora e media, o belga aínda estaba sen estrear.

Durante o choque ninguén o notou. Aguantou 63 minutos no campo; tempo suficiente para celebrar o dobrete de Messi, e deixar aos coruñeses camiño de Segunda antes de facer sitio a Douglas no once e provocar unha cadea de cambios de posición que concluíu con Mathieu bailando con Bartra no eixo da zaga culé. O resto é historia deportivista e arrinca case de inmediato ao baile de postos: Lucas rotando na área ata situar na escuadra o punto de mira e o balón, Salomao abrochando o empate entre unha melé, bágoas no palco, baño no jacuzzi, festa no avión.

Vermaelen non xogou máis ata mediados de agosto; cando a vergoñosa derrota da ida da Supercopa de España en San Mamés (4-0). Foi titular 15 veces na 2015-2016 e marchouse prestado a Roma o curso seguinte, con serias opcións de non volver.

A súa testemuñal presenza en Italia (só sete duelos no once) devolvéronlle a Barcelona o pasado verán, sempre arrastrando a dúbida de quen custou 15 millóns e nunca chegou a lucir. Esa carga portaba o pasado 26 de novembro, cando ante a falta de alternativas Valverde recorreu a el. Regresaba o belga a unha competición que lle foi allea durante ano e medio, e non o facía un día calquera: tocaba enfrontar en Mestalla ao máis próximo perseguidor dos culés.

Estivo impecable o defensor, como unha semana máis tarde ao suplir a Umtiti, lesionado fronte ao Celta ; ou formar de inicio en Vilarreal. A gravidade do contratempo sufrido polo central galo., sumada ás molestias que arrastra Mascherano, quen ademais parece próximo a abandonar o club, converteron a Vermaelen en parella de Piquei. O será este domingo, como o de finais de maio do 2015, cando recortou a súa estrea e perdeuse o memorable fin de festa branquiazul.