Un partido completo

Paco Liaño

TORRE DE MARATHÓN

César Quian

12 dic 2017 . Actualizado ás 15:31 h.

Como estabamos todos co freo de man botado, non fomos capaces de gozar do bo partido do Deportivo, pero o certo é que fixo todo bastante ben, tanto á hora de atacar como á de defender. Esa é a boa noticia desta xornada. A melloría chegou e o Dépor comportouse moi ben en ataque, onde só se lle pode achacar que non fose capaz de marcar o segundo, pero defensivamente ofreceu un rendemento moi alto, como non tivera ata agora. Era moi difícil crer en que os afeccionados tivésemos un respiro mentres o equipo cometese erros tan graves na fase de inicio do xogo.

O Deportivo foi capaz de defender desde a posesión da pelota. Tivo momentos en que combinou para atacar e outros en que foi capaz de combinar para non sufrir defensivamente. Controlou o partido co balón. O doado sería dicir que o Leganés nunca soubo que facer e estivo inoperante, pero o certo é que o seu rival estivo mellor. Non podemos quitarnos méritos.

No plan de Cristóbal Çolak revelouse como un xogador capital, porque tivo capacidade para organizar sempre o xogo. Mesmo en numerosas ocasións achegouse á cabeceira da área a recoller o balón cando estaban marcados Guilherme e Borges. Así, coa axuda de Carles Gil, que o apoiou sempre, e ata de Adrián, que ten esa tendencia natural a irse ao centro, sostiveron ese afán de combinar e evitar que o rival lle fixese dano. Esta vez non se botou en falta a Valverde, que ten moitos partidos por diante para ser importante neste equipo. Demostrouse que a súa posición natural está no dobre eixo e sempre que iso non supoña desprazar a Borges ao ataque, onde non achega. O que ten que tomar decisións é Cristóbal e nesta ocasión decidiu ben.

O Deportivo non é un equipo que poida competir distinto a como o fixo o sábado, porque lle falta contundencia, non pode vir atrás a defender ao límite como fan outros. Polas características dos seus xogadores sabe que ten que atacar e defenderse tendo a pelota. Haberá rivais contra os que vai sufrir máis que esta vez, pero a súa melloría e sobre todo a recuperación defensiva pasan por insistir neste modelo.