Un señor, un mozo veterano, un home de fútbol

Millán Gómez Pérez

TORRE DE MARATHÓN

17 novs 2017 . Actualizado ás 12:56 h.

Tiven o pracer de traballar con Dani Mallo durante dúas tempadas no Club Deportivo Lugo. Un profesional exemplar. Sempre proactivo. Gozaba adestrando. Xogase ou non xogase, era o mesmo. A súa actitude só melloraba. Dedicábase á súa paixón nunha demarcación solitaria.

Cando eu era un neno, vino xogar no Dépor. Mesmo, titular en Riazor fronte a todo un Manchester United en Champions League. Seguín a súa evolución no estranxeiro. Vivimos tempos onde o futbolista español emigra. Ata hai apenas uns anos, non era o habitual. Foi un pioneiro cumprindo a máxima de Castelao. En 2006, colleu a maleta para marcharse a Braga; dous anos despois a Falkirk, en Escocia. Chegou a xogar unha final de Copa no mítico Hampden Park, onde din que se viviu o mellor partido da historia do fútbol. Móvelle e movíalle a paixón pola redonda. Nunca imaxinei ser o seu compañeiro.E funo.

Sempre un xesto axudando aos seus compañeiros. Desde o banco, un dos primeiros en animar, en achegar, en consolar, en celebrar. Cando viaxabamos en pretemporada e enfrontábase a novos porteiros, regaláballes as súas luvas. Actos exemplares e ejemplarizantes. Dotado dun sentido de humor importante, posuía un saco sen fondo de chistes nos grupos de WhatsApp.

Profesional fose do verde. Sempre presto a atender aos medios de comunicación, sabedor de que o seu oficio non se limita ás dimensións do campo. Portavoz impecable de club. Xogou en Portugal, se mimetizó alí; en Escocia, ídem. Xogou catro anos en Xirona e aprendeu catalán. Ata o punto que un xornalista catalán me comentou que pensou sempre que era catalán. Na súa primeira tempada en Lugo, perdemos 6-0 en Xirona. Deu a cara en zona mixta como eu lle pedín. Pediu perdón á afección lucense.

A nivel deportivo, actuacións sobresalientes como aquel domingo en Soria. Aluvión do C.D. Numancia. Parou todo o habido e por haber cando o equipo encadeaba sete xornadas sen gañar. Enzo rematou o seu traballo cun gol no último minuto. Clave no fantástico inicio de Liga 2013-2014. Tamén, fundamental no comezo de segunda volta do campionato 2014-2015 recuperándonos de oito datas sen vencer. Retírase como xogador, pero o fútbol necesítao e seguirao necesitando. Transmitirá os seus coñecementos aos máis novos e aos veteranos. A pelota non se detén. Segue rodando. Quéroche sempre no meu equipo.