Facenda confirma á xuíza que a débeda real do Deportivo era moi superior á que Lendoiro recoñecía cada ano nas contas

Alexandre Centeno Liste
Alexandre Centeno A Coruña / LA VOZ

TORRE DE MARATHÓN

PACO RODRÍGUEZ

Responde así á petición do fiscal de que aclarase o último informe emitido. Non descarta que puidese ser mesmo maior da que eles poidan certificar

07 novs 2017 . Actualizado ás 15:50 h.

Cada certificación de Facenda deixa máis en evidencia que Lendoiro ocultou unha débeda enorme aos seus accionistas durante moitos anos.

Meses despois de que a Axencia Tributaria enviase unha certificación na que debullaba o débito que mantiña o Deportivo a 30 de xuño dos anos 2007, 2008, 2009, 2010 e 2011, o fiscal da causa aberta contra Lendoiro por supostos delitos societarios no club solicitou unha aclaración. E esta veu confirmar que o que realmente debía a entidade en cada un deses anos era moi superior ao que Lendoiro recollía nas contas que sometía a aprobación da xunta de accionistas.

A petición do fiscal foi motivada porque, no seu anterior escrito, Facenda facía unha observación de que podía haber algunha inexactitud, froito de cálculos feitos de forma manual. Debido a que a diferenza entre o recoñecido por Lendoiro e o certificado polo fisco era de decenas de millóns de euros, o ministerio público quixo concretar a realidade dos datos.

E nesta nova certificación, a Axencia Tributaria insiste en que lle resulta absolutamente imposible confirmar ao cento por cento o diñeiro debido, pero si establece o saldo mínimo pendente de pagamento en cada exercicio, que podería ser superior, pero nunca inferior ao que se reflicte.

Esta cantidade apenas difire cada ano sobre un millón de euros co saldo marcado na anterior notificación de Facenda, salvo no exercicio 2011, en que a variación é de algo máis de cinco. No entanto, a diferenza entre o rexistrado nas contas do club e o certificado por Facenda é tan grande, que a corrección resulta mínima e anecdótica. A débeda recoñecida nestes exercicios foi de 49 millóns de euros, 51, 40, 35 e 34, mentres que a mínima certificada pola Axencia Tributaria é de 64, 74, 66, 73 e 67, respectivamente.

A xuíza, a petición da fiscalía, limitou a solicitude ata o ano 2011, posto que con posterioridade xa existen algunhas certificacións. En concreto, o 20 de xuño do 2012, Lendoiro recibiu un documento de Facenda no que lle informaba de que o débito era de 83,15 millóns. Incomprensiblemente, nas contas só recolleu 34,10; é dicir, case 50 millóns menos do que debía.