A importancia da imaxe máis aló do resultado

Toni Ardá ARDÁ

TORRE DE MARATHÓN

20 ago 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Estes días gozo de intres de sol, mar e charla futbolística con Gonzalo, bo amigo co que compartirei en Riazor o partido de hoxe. Gonzalo, de raíces coruñesas, socio do Real Madrid e fixo no Bernabéu, dime que inevitablemente o Deportivo empezará a Liga perdendo. Eu penso o mesmo, pero non llo digo; dígolle que xa veremos, que o partido hai que xogalo, que son once contra once e toda unha serie de tópicos típicos e clásicos do fútbol para manter o optimismo ata o momento no que o balón se poña en xogo, aínda que realmente intúo que non se toma moi en serio os meus argumentos.

O mellor momento para recibir a calquera grande é sen dúbida o primeiro partido, talvez neses primeiros momentos os equipos iguálense porque aínda quedan moitos aspectos que traballar, as dinámicas de xogo non están consolidadas e mesmo os mecanismos de atención non están fixados. Pero todo isto non é certo neste Madrid. O equipo é o mesmo que rematou a tempada anterior e que con moito éxito empezou esta, os mesmos xogadores, o mesmo adestrador, o mesmo xogo... Nada cambiou.

O Deportivo parece mellor equipo que o da tempada pasada, pero deixou moitas incógnitas en pretemporada, onde gañou aos equipos de menor nivel e estrelouse co único grande co que xogou.

Á marxe do resultado do partido e do dos seguintes encontros, os afeccionados agardamos ver un Dépor recoñecible, un equipo que mostre unha determinada identidade, que consiga emocionar á bancada.

Volvendo ao partido, do Madrid coñecémolo todo, e dos xogadores que sairán a Riazor, a única certeza é que non xogará Cristiano . En tempadas pasadas onde todo viraba ao redor do portugués sería unha boa noticia, na actualidade parece que é irrelevante, aínda está fresco o partido da tempada pasada cando o Madrid se presentou co equipo B e aquilo foi un esperpento.

O Deportivo, probablemente, debaterase entre realizar unha proposta arriscada de presión alta na saída do balón do rival, en xogar sen complexos impondo as súas propostas e outra máis conservadora, defendendo o espazo e a súa portería con liñas moi xuntas e compactadas en campo propio. Non serei eu o que diga o que ten que facer Mel, pero se me gustaría ver un equipo que fixese no campo o que decidiu facer nos adestramentos, un equipo que, aínda que sometido á teórica superioridade do rival, executase correctamente a súa idea para, como non, obter un resultado positivo. Tampouco é un partido para dramas, é o primeiro. Gonzalo e eu irémonos contentos se o grande gana e o pequeno deixa a impresión de que o proceso para volver ser grande está en marcha, aínda que sen dúbida, ireime máis contento cos dous premios, só cos dous.