Unha profunda borrasca trae neve hoxe a Galicia

Xavier Fonseca Blanco
xavier fonseca REDACCIÓN / LA VOZ

TEMPO

Anxo Manso

Os ballóns tamén serán intensos e acompañados de tormentas e saraiba. No mar hai alerta laranxa por ondas de sete metros.

13 dic 2018 . Actualizado ás 17:36 h.

Nas últimas horas o anticiclón dos Azores deu un paso atrás. Sen a protección das altas presións, as borrascas teñen agora mesmo vía libre para pasearse polo Atlántico. Os modelos están a debuxar un novo tren de ciclóns extratropicales que sae desde Norteamérica con destino a Europa e cuxos pasaxeiros irán impactando de xeito sucesivo. Un deles afecta hoxe a Galicia, con ballóns xeneralizados que veñen acompañados de saraiba e aparello eléctrico. Ademais, a potente borrasca envía a través dos ventos do noroeste aire frío de orixe polar. Esta masa xélida permitirá que descendan as temperaturas mínimas e máximas e que a choiva se presente en forma de neve a partir dos mil metros de altura. Hai avisos nas zonas de montaña de Lugo e Ourense por espesores de polo menos cinco centímetros. O vento de compoñente norte, que soprará con forza no litoral, favorecerá que a sensación térmica de frío sexa algo máis intensa. Por outra banda, a presenza do profundo sistema de baixas presións erosiona a superficie oceánica, xerando mar de vento e de fondo. Ata mañá a costa galega ten activado un aviso de cor laranxa por ondas que poderían superar os sete metros de altura.

O sábado, nova borrasca

Mañá Galicia gozará momentaneamente dunha tregua meteorolóxica, aínda que os ventos do suroeste manterán un ambiente moi húmido, sen descartar incluso algunhas choivas débiles nas provincias atlánticas. O sábado unha nova borrasca vaise situar ao oeste de Irlanda e a súa influencia volverá a inestabilizar o tempo en Galicia. Unha fronte activa cruzará a comunidade de oeste a leste, descargando con intensidade na Coruña e Pontevedra durante as últimas horas da xornada, cando o vento tamén comezará a aumentar. O domingo regresará novamente o vento de compoñente norte e descenderán as temperaturas. O descenso térmico será máis acusado as zonas do interior e de montaña. As mínimas en moitos casos estarán rozando os cero graos.

Ciclogénesis explosiva

A terceira borrasca que afectará a Galicia a semana que vén ten características de ciclogénesis explosiva. A súa presión mínima central descenderá máis de vinte milibares en 24 horas. O martes será unha nova xornada de temporal, con precipitacións e ventos fortes. Dous días despois chegará unha nova, a cuarta en só sete días.

Outono moi cálido

Meteogalicia desvelou no seu informe climatolóxico estacional que o outono foi moi cálido. As anomalías positivas foron especialmente notables en novembro, pero sobre todo en setembro. A temperatura no noveno mes do ano superou en 2,66 graos o valor medio, situándose como o setembro máis cálido desde que existen rexistros.