Colectivos animalistas piden que TVE non emita en Galicia programas como «Jara y sedal»

La Voz

TELEVISIÓN

Sinalan que este tipo de espazos televisivos fan «apología da violencia cara aos animais»

09 dic 2018 . Actualizado ás 16:15 h.

Colectivos animalistas como Libera ou a plataforma Galicia, mellor sen touradas solicitarán por escrito este luns a desconexión territorial na comunidade de programas de Televisión Española que realizan «unha clara banalización da crueldade cara aos animais» e co argumento de que «tampouco os espectadores avalan a continuidade destes títulos».

Os animalistas aseguran que estes magacíns, como Tendido cero ou Jara y sedal, adoitan empregar a cadea de televisión pública para «atacar e vilipendiar» á inmensa parte da cidadanía, que se mostra en contra da matanza de animais e da consideración desta como unha actividade cultural ou deportiva.

Ademais, sinalan que a Corporación Radio Televisión Española (CRTVE) conta con contidos suficientes para substituír estes programas «de apología da violencia cara aos animais» por outros que promovan a conciencia social e o compromiso co medio natural e a biodiversidade. Rexeitan tamén que se fomente «a tortura dos touros vernizada de Patrimonio Cultural».

Os animalistas destacaron o custo público que supón manter este tipo de contidos na grella televisiva da 2, a segunda canle de Televisión Española, así como os baixos índices de audiencia media anual que existen desde o 2007.

Os abolicionistas lembran que xa reclamaron máis veces esta medida nos últimos anos, en especial tras os anuncios de CRTVE de retransmitir corridas de touros en directo en horario de protección infantil. Criticaron tamén que este aspecto debería ser cumprido «a machada e non camuflalo baixo criterios de suposto interese cidadán, cando a maioría social dá as costas a caza e tauromaquia».

Ambas as organizacións suxiren que se elaboren contidos adaptados á comunidade galega baseados no respecto, voluntarismo e protección dos animais que substitúan aos magacíns «proviolencia», aproveitando o «enorme potencial dos traballadores e traballadoras de RTVE en Galicia».