Chicote tamén saca as cores ás festas populares galegas: «Se non pasan cousas é porque Deus non quere»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O cociñeiro comproba na romaría viquinga de Catoira, nun día de intensa calor, como algúns dos produtos non se conservan en condicións adecuadas. Vaise da festa sen ter claro a quen corresponde o control sanitario, se á Xunta ou ao concello. Constata, iso si, que por alí non pasou ningún inspector

15 novs 2018 . Actualizado ás 17:36 h.

Tan só unha semana despois de que Alberto Chicote puxese en evidencia -por mor das denuncias de pacientes e familiares de enfermos- o servizo de comidas do hospital de Barbanza, o cociñeiro metido a xornalista de investigación recupera, nun novo programa de Vascho a comer? (La Sexta), outra das reportaxes gravados o pasado verán en Galicia, neste caso, na romaría viquinga de Catoira , celebrada a máis de 30 graos de calor. Neste programa o chef busca testar como son as condicións de seguridade alimentaria en varias festas populares españolas. No caso galego, as conclusións, non son demasiado positivas.

Chicote arrinca o espazo citándose co alcalde de Catoira, Alberto García, que lle aclara que nesta festa, declarada de interese turístico internacional e á que poden acudir preto de 40.000 persoas, fornecen comida máis de 20 postos, a cuxos donos se lles esixe como documentación que estean dados de alta en autónomos. Pero, a quen corresponde a inspección sanitaria dos mesmos? O rexedor defende que ao ser un concello pequeno, de menos de 3.500 habitantes, dependería da Xunta, algo que, con todo, desmente a continuación Antonio Fontenla, veterinario especialista en seguridade e calidade alimentaria. Este técnico aclara que a competencia é municipal e que no caso de que lla queira ceder á Xunta o Concello tería que solicitalo de forma explítica. Fontela non dúbida: «Estas festas quedan un pouco nas pavías porque ninguén as controla».

Chicote tamén pregunta ao rexedor se estivo na feira algún inspector da Xunta nas últimas horas. Alberto García nega, polo menos, velos.

Xa metidos en materia, Chicote achégase a varios postos baixo a atenta mirada de moitos dos presentes na celebración. Primeiro testea un posto que inclúe bollería, como merengues, natas montadas ou torta de queixo, uns alimentados conservados «sen unha mínima refrixeración» nunha xornada de intensa calor. As súas donas sosteñen que nunca tiveron «problemas con sanidade» aínda que lembran que «normalmente pomos vitrinas». Chicote, que destaca que as condicións de conservación son perigosas, non pode ser máis elocuente: «Tea mariñeira».

A continuación, e xa acompañado do técnico  de seguridade alimentaria Antonio Fontenla comproban en Catoira como os postos de polbo implican pouco risco. «Vén conxelado e o descongelan aquí; non pasa por puntos de temperatura altos ata que chega á cocción», destacan. «Se Galicia mantivese o que sabe facer ben, as feiras terían pouco risco», subliña entón Fontenla antes de lembrar que, en calquera caso, «son moi poucas as festas nas que hai un control sanitario por parte da administración».

É xusto despois cando Chicote detense nun típico posto de bocadillos. O chef decátase de que hai cinta de lombo exposta ao sol e co envase inchado. O dono do posto xustifícao asegurando que son cousas da calor e que non pode loitar contra el. «É unha feira e non dá para máis», defende. «Está todo envasado e perfecto», engade o dono. Chicote teno claro: «Si se pode loitar contra a calor, cunha cámara frigorífica».

Unha cámara que tamén falta noutro dos postos visitados, que vende , entre outros produtos, empanadas de berberechos, bacallau ou xoubas aínda que, neste caso, o dono intenta defender que xa non a ten porque queda pouco para que peche a feira (aínda é mediodía). Chicote fíxase ademais con desesperación en que algúns alimentos, aínda non expostos aos ollos do consumidor, consérvanse no chan.

«As festas en Galicia mantivéronse sen problemas porque non daban problemas,  porque iamos a produtos seguros ou cociñados in situ, pero a xente demanda que se convertan case nun restaurante, sen que haxa condicións para facelo nin control», insiste o técnico de seguridade alimentaria que, xunto a Chicote, comproban a seguridade, esta vez si, dun posto de rosquillas.  

«Asúmense riscos moi altos. Se non pasan cousas é porque Deus non quere», certifica o cociñeiro en Catoira. «Hai cousas que se as tiveses pensado, nunca chas comerías», engade o veterinario.

Chicote vaise de Galicia aclarando que sexa cal for a administración da que depende a seguridade alimentaria, debe haber un control. Tamén incide en que o último responsable do posto é o «dono». «O problema é que cando todos miran cara a outro lado», conclúe o chef. 

MÁIS INFORMACIÓN