Cancelan unha actuación de Dani Mateo por protestas da ultradereita

La Voz VALENCIA / EFE

TELEVISIÓN

A formación España 2000 anunciara unha concentración diante do recinto de Valencia onde o humorista ía facer dúas representacións

09 novs 2018 . Actualizado ás 08:06 h.

O Teatro Olympia de Valencia anunciou onte a cancelación das representacións previstas para os próximos 23 e 24 de novembro do espectáculo de Dani Mateo, Raúl Cimas e José Juan Vaqueiro Nunca esqueceremos, despois de que a formación de extrema dereita España 2000 teña anunciado unha concentración na porta do recinto.

Na súa páxina web, o Teatro Olympia inclúe unha cita de Karl Popper na que di: «En nome da tolerancia, teriamos que reivindicar o dereito a non tolerar aos intolerantes».

Tanto o teatro como a compaña do espectáculo de Dani Mateo afirmaron que a cancelación se produce por causas alleas a ambas as partes.

No programa do Intermedio do pasado mércores, Mateo interpretou un sketch no que, mentres lía o prospecto dun medicamento antigripal, estornudaba e soábase o nariz coa bandeira de España, o que xerou numerosas críticas contra o cómico.

Na súa conta de Twitter, España 2000 convocou unha concentración fronte ao Teatro Olympia de Valencia pola actuación de Dani Mateo porque, na súa opinión, «a ultraxe á bandeira non pode saír gratis». Pola súa banda, a dirección do teatro informou de que as devolucións se farán polos medios habituais de compra de forma inmediata e pediu desculpas «polas molestias ocasionadas».

Información relacionada