Miguel Canalejo: «Eu son fan de Serramoura»

HADRIÁN RODRÍGUEZ REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

non non

O actor fala de como os espectadores están acollendo moi ben os personaxes que incorpora a nova temporada

04 novs 2018 . Actualizado ás 20:29 h.

Compaxinando a súa participación en Serramoura cunha nova temporada en Cóntame, e afondando na súa aprendizaxe como guionista, Miguel Canalejo, que interpreta ao cabo Enrique Parcero no thriller da TVG, fala de como está sendo a acollida dos espectadores dos novos episodios desta serie. «Penso que había moitas ganas de ver a nova temporada de Serramoura e penso que están gustando moito os personaxes. Temos incorporacións moi boas como a de Roi Quiroga [Xúlio Abonjo], que encaixa moi ben con Marga [Lucía Regueiro]. Tamén hai outros personaxes que gustan moito e que entraron na temporada anterior como Patri [Sonia Méndez] e que renovaron as ganas de seguir vendo a serie. Quique é un personaxe moi particular.

-Como é interpretar ao cabo Parcero?

-É un traballo de moita constancia. Quique non é un personaxe ao que poida dar por sentado e teño que ter moito coidado de manter ese carácter riquiño e penso que é un carácter que os espectadores da TVG recoñecen porque é unha forma de ser moi galega. É un traballo no que teño que manter esa posición e aínda que poida parecer fácil, non é un personaxe que poida dar por sentado.

-Con que nos vai sorprender Quique nesta temporada?

-Verémolo investigando máis por libre. Xa van catro anos e Quique ten a experiencia suficiente para facer o seu traballo só. E tamén imos ver o que pasa entre Quique e Patri.

-E que é o que pasa entre eles?

-O de Quique e Patri é unha cousa imprescindible. Patri leva moitos episodios picando pedra, pero a intriga vai estar en como Quique xestiona unha situación como esa porque xa sabemos que non é moi espelido nestes temas.

-Entón imos ver como Patri intenta activar a vea romántica que Quique ten agochada nalgún sitio. Como é o traballo con Sonia?

-Temos unha relación moi boa. Sonia é moi cariñosa, divertida e é moi fácil traballar con ela. Na sala de actores compartimos moitos momentos falando de libros, música ou series porque temos gustos moi parecidos.

-Hai algunha cousa que tivera que facer Quique coa que levaras unha sorpresa?

-Para min hai unha cousa que se vai ir vendo nesta tempada que é como é Quique desde un punto de vista máis persoal. Imos ver unha intimidade do personaxe que non encaixa co que estamos acostumados a ver no cuartel.

-Cada vez ten máis peso no cuartel. Cres que chegará a ser sarxento?

-Eu non é que o crea, eu espero ese momento. Teño ganas de que Quique vista con galóns máis pesados e de andar investigando pola rúa vestido de paisano.

-Dentro do cuartel, unha das relacións máis particulares é a que Quique mantén con Tomás. Tamén é así a relación entre Miguel e Alfonso?

-Totalmente, para min Alfonso Agra é como o meu mentor. Cando empecei a traballar con 23 anos... pois hai unha serie de xente que está para guiarte e ensinarte como é este oficio. Pero para min Alfonso e tamén Lucía son os meus mentores.

-Quique leva desde os comezos de Serramoura, en 2014. Cal foi a evolución do personaxe?

-Eu creo que foi como unha maduración. Quique era o garda con menos experiencia e, pouco a pouco, foi adquirindo moitas particularidades propias dos personaxes que tiñan máis experiencia como pode ser a forza de Marga, ou a forma de medir as posibilidades de Tomás. En Serramoura sempre hai marxe para aprender.

-Que supón para ti interpretar a un personaxe como Enrique

Parcero?

-Para min é unha sorte. Este oficio é complicado e podo dicir que levo catro anos traballando nun sitio no que son feliz e con compañeiros que adoro e considero que son os meus amigos. E sobre todo estou facendo todas as cousas que nunca pensara que chegaría a facer. Cando estaba estudando sempre me dicían que sería un actor de comedia, e, claro, de repente me vexo facendo cousas de thriller e acción... e iso é fantástico.

-Que ten Miguel Canalejo de Quique?

-Teño que dicir que a veces peco un pouco de apampado, de riquiño e iso si que é algo no que me recoñezo en Quique. E que tamén son un tipo que está aprendendo e que está rodeado de xente que ten moita máis experiencia.

-Que atoparemos no episodio de «Serramoura» desta noite?

-Eu, a parte de traballar en Serramoura, son fan da serie e aínda que xa sei o que vai pasar, non perdo un só episodio. Esta noite Marga ten que empregarse a fondo para resolver un intento de roubo no que houbo un tiroteo. Tamén veremos o choque entre Roi e a Serramoura profunda e saberemos se hai algún avance na relación entre Quique e Patri. Vai estar moi divertido.

Un tiroteo fai saltar as alarmas no cuartel de Serramoura

Esta noite, a partir das 22.05 horas, Televisión de Galicia emitirá un novo episodio da serie de Voz Audiovisual no que Marga e Roi levan o peso de dúas investigacións. Xa hai tempo que os espectadores saben que Serramoura é unha das vilas máis conflitivas da televisión e por iso non é de estrañar que no cuartel da Garda Civil teñan que resolver dous casos ao mesmo tempo.

Por un lado, a sarxento Marga Neira ten que atopar aos responsables dun intento de roubo, con tiroteo incluído, no que un tratante de gando era o obxectivo. Despois da recollida de probas e das primeiras indagacións, Marga non tarda en establecer unha relación entre a banda que asaltaba camións de madeira con este novo golpe.

Por iso, Santos volve a aparecer como primeiro na lista de sospeitosos. O feito de que sexa líder da banda de adolescentes non é ningún segredo en Serramoura, situación coa que Pancho non está conforme, polo que está disposto a darlle unha lección.

En canto ao sarxento Quiroga, Roi enfrontarase á súa primeira misión en solitario, que consiste en atopar o paradoiro de Lupita, unha vaca que desapareceu dunha das explotacións gandeiras da vila. A pesar das mofas dos seus compañeiros de cuartel, Roi porá en práctica as súas dotes como detective para atopar a Lupita san e salva.

Mentres tanto, e despois de que Evaristo e Raquel desbotaran o seu plan para poñer en marcha a primeira mina de acibeche en Serramoura, Maroto, o funcionario corrupto, non está disposto a perder a oportunidade para facer cartos. Como vinganza, confesa a Evaristo que Teresa Soutelo foi a responsable de dinamitar as aspiracións de Evaristo e Raquel.

Pero en Serramoura non todo é traballar. Durante a primeira noite de troula de Marga e Patri, a cabo Barbeito envioulle unha declaración de amor a Quique. Arrepentida polo arrebato de sinceridade, Patri saltarase todo o seu código moral para evitar que Quique teña acceso ao vídeo.

Redes sociais

Para estar ao tanto da evolución de Serramoura, os espectadores poden descubrir os segredos da serie nas seguintes redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie, www.twitter.com/serramoura_tvg e www.instagram.com/serramoura.serie.