Que lles depara ou futuro aos sarxentos Neira e Bazán?

La Voz

TELEVISIÓN

-

14 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A nova temporada de Serramoura xa chegou á grella da Televisión de Galicia e o fixo cunha sorpresa para os seus seguidores: unha precuela de dous episodios na que as tramas remontáronse ao verán do ano 2010, no momento no que a sarxento Marga Neira volve á vila para incorporarse ao cuartel da Garda Civil.

Deste xeito, os espectadores de Serramoura reencontráronse con personaxes que, polo devir das tramas, xa non estaban na serie, como Mónica Triáns, (Sara Casasnovas), Gonzalo Soutelo (Fran Paredes) ou Álex Neira (Sheyla Fariña); e tamén tiveron a oportunidade de coñecer á nai de Gloria, ou a Elixio Casares, un machista e desganado sarxento da Garda Civil que foi o primeiro compañeiro de Marga.

No episodio desta noite (22.15 horas), que pon fin á precuela, o traballo de Marga na vila de Serramoura tornarase máis complicado do que ela agardaba. Nunha das carreiras ilegais que tiñan como escenario as estradas da vila, un dos condutores perdeu o control do coche e faleceu nun espectacular accidente. O tenente Tomás Penedo é consciente de que teñen que poñer fin a estas perigosas competicións e encarga a Marga que atope aos seus responsables.

Pero o traballo no cuartel da Garda Civil non remata nesa investigación. O secuestro de Ponte, o amante de Dona Teresa, rematou da peor forma posible. A aparición do seu corpo no monte deu un xiro inesperado ao caso e agora Marga e Casares teñen que traballar xuntos para deter aos secuestradores.

Mentres tanto, Marga tamén ten que adicar algo do seu tempo para intentar poñer orde na súa vida familiar. Despois do seu despido no serradoiro, Moncho está afundido e volve á taberna para esquecer as súas penas, mentres que Raquel segue mantendo unha actitude fría e distante.

Obrigada pola súa situación familiar, Gloria aceptou o trato con Teresa: se ela consegue información confidencial acerca de Evaristo non terá que preocuparse das débedas da súa nai.

A resposta ás incógnitas

Pero o prato forte do episodio non chegará ata o final. Despois de resolver todas as tramas da precuela, Serramoura volverá ao presente para dar resposta a unha das preguntas que quedaron abertas dende o final da temporada pasada e que foi un sinvivir para os espectadores da serie: que vai a pasar co sarxento Diego Bazán?

Sen dúbida, o episodio desta noite terá todos os ingredientes aos que os espectadores de Serramoura están acostumados.