Ian Whyte: «Ao final, o espectador de quen se acorda é dos malos»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O actor galés interpretou a catro personaxes distintos na serie «Xogo de tronos»

16 jul 2018 . Actualizado ás 08:59 h.

O galés Ian Whyte (Bangor, 1971) retirouse como baloncestista profesional cando recibiu unha chamada para invitalo a unha proba fílmica. Alien vs Predator, no 2004, foi o inicio dunha segunda carreira como actor, no cine, onde traballou con Ridley Scott (Prometeus), e a televisión, medio no que destacan os seus diversos personaxes en Xogo de tronos. Whyte pasou polo Festival Metrópoli de Xixón para falar das súas interpretacións.

-Como camiñante branco xa aparecía no primeiro episodio...

-Si, no primeiro de todos. Os gardiáns da noite atópanse por primeira vez cos camiñantes brancos. Paréceme que foi hai moitísimo tempo.

-Puido dar vida non a un, senón a varios personaxes.

-É un privilexio e unha honra que che pidan que fagas varios papeis. Ninguén está máis contento que eu á hora de volver e interpretar a diferentes personaxes, é unha oportunidade de explorar a miña versatilidade.

-Todos malos...

-Si, así é.

-Aínda que xa sabemos que nin todos os malos o son tanto nin tampouco os bos son santos.

-Exacto. Pero, ao final, o espectador de quen se acorda é dos malos.

-Cando apareceu naquel primeiro episodio, podían prever no que acabou por converterse «Xogo de tronos»?

-Non, para nada. Naqueles primeiros días linme algún dos libros, pero non vin nada da serie ata que houberon pasado catro anos. Coincidiu co nacemento do meu fillo. Pasaron catro anos ata que a miña muller e eu sentámonos e puxémonos a vela. Foi empezar o primeiro episodio e vímonos as catro primeiras tempadas do tirón, en menos dun mes [ri]. Non tería podido prever o importante e o popular en que se converteu.

-E onde está o segredo?

-Creo que é o ben escrito que está. As descricións son tan vívidas e completas, a escritura é tan valente. Cando matas a todos os teus heroes coa mesma regularidade que George R. R. Martin, ¡é que es un escritor en grao sumo valente! [ri].

-É duro un día de rodaxe?

-Si, é duro, pero non importa, porque sabes que o resultado vai ser fantástico.

-Haberá quen crea que é pan comido e que logo todo son efectos dixitais.

-¡Que vai! Podo deixar ben claro que non é así en absoluto. O vestiario é moi real e os traxes pesan unha chea.

-Algún momento especial?

-O máis divertido foron os xigantes, especialmente Wun Wun, xa que é a primeira vez que vemos a estas criaturas exhibir un nivel de humanidade do que non os criamos capaces. E as escenas de batallas están a un altísimo nivel de acción.

-Estará na última tempada?

-Non, é altamente improbable.

-Ía preguntarlle polas sensacións de verse ante o final...

-Foron oito anos da miña vida. Foi un gran pracer.

-E como se traballa cun director como Ridley Scott?

-Oh, é fantástico. É xenial poder traballar con alguén que coida ata o último detalle. Non che dás conta de que che está dirixindo. É un cabaleiro e un artista.

-Bota de menos a súa anterior vida como deportista?

-Non. Acabo de empezar a adestrar a nenos pequenos, de forma voluntaria. O meu fillo está a empezar a interesarse polo baloncesto. Gústanlle o fútbol, o críquet, o rugbi e tamén o baloncesto. Non quero adestralo nin que se senta obrigado, pero é divertido facelo como voluntario.