«Wild Wild Country», dez mil invasores contra 50 aldeáns

Alexandre Centeno Liste
alexandre centeo REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Netflix

Unha serie documental de Netflix narra o desembarco en 1981 da comuna dun gurú indio nunha pequena vila de Oregón

21 may 2018 . Actualizado ás 08:07 h.

Deserto de Oregón. Anos oitenta. Antelope, unha pequena vila de menos de medio centenar de habitantes é tomado por un grupo seudorreligioso chegado da India. Sexo. Política. Relixión. Traizóns. Personaxes autóctonos. Moi autóctonos. Contra otos raros. Moi raros. E ata unha mala. Malísima. Todos estes superlativos ingredientes poderían formar parte do guion dunha serie ou un filme de David Lynch. Pero non. Son algunhas pinceladas dun suceso real que Neflix rescatou case corenta anos despois en forma de documental para engadir á súa oferta de vídeo baixo demanda. Trátase de Wild Wild Country, creación de seis episodios que tras arrasar nos Estados Unidos entrou pola porta grande en España. Faino sen unha gran campaña de mercadotecnia, só co boca a boca.

Esta serie dirixida polos irmáns Chapman e Maclain Way presenta ao espectador a historia de como o gurú espiritual Bhagwan Shree Rajneesh, xunto coa súa man dereita, a loitadora e irreverente Ma Anand Sheela, trasladan en 1981 o seu movemento desde a India ata a pequena localidade estadounidense de Antilope. Acompañados por un nutrido grupo de ricos forman unha comuna chamada Rajneeshpuram. Eles mesmos realizaron a transformación dun rancho de trinta mil hectáreas nunha cidade para dez mil habitantes, con estradas, canalización da auga, vivendas, comercios, bancos.. E ata un casino. Unha revolución na zona que ameazou a harmonía dunha poboación costumista que rexeitou de raíz a chegada de miles de seres estraños.

Os rajnishes

Os rajnishes (así se coñece aos habitantes de Rajeeshuram) visten de laranxa ou encarnado son hedonistas e conseguen crear as súas propias leis. Chegaron como invasores e sen intención algunha integradora, tal e como demostra que aos poucos fosen ampliando as súas posesións e negocios pola zona, asaltando mesmo, a vida política da sociedade.

Cun formato cativador no que mestura imaxes reais de entrevistas e informativos daqueles anos, coa versión actual dos protagonistas, Wild Wild Country consegue enganchar ao espectador cada vez máis nunha sorprendente historia que, curiosamente, levaba tantos anos enterrada que caera no esquecemento.

A produción de Netflix demostra, unha vez máis, que a realidade pode superar, con fartura, á ficción. Con xiros inesperados desde os primeiros instantes, segundo a historia pasa por diferentes momentos. O espectador tamén chega a cambiar a súa visión sobre os personaxes, sendo capaz de empatizar por momentos cos aldeáns, que contan como fixeron fronte aos visitantes; e á vez coa xa case septuaxenaria Sheela (secretaría do líder espiritual) que defende todas as súas actuacións.

Wild Wild Country é unha desas series ás que o espectador debe dar un voto de confianza. Talvez os primeiros minutos ou mesmo os primeiros capítulos non chegue a engancharse, pero a partir do terceiro a conexión será total.