«Serramoura» lidera de novo en Galicia tras mudarse ao domingo

La Voz

TELEVISIÓN

Imponse unha vez máis a toda a oferta televisiva na súa franxa de emisión. Os seguidores da serie non quixeron perderse o achegamento entre Marga Neira e Diego Bazán, a parella protagonista

12 mares 2018 . Actualizado ás 14:06 h.

Onte á noite empezou o achegamento definitivo -e tan desexado polos seguidores de Serramoura - entre Marga Neira e Diego Bazán, a parella protagonista da serie que despois de 107 capítulos sendo só compañeiros, parece que, ao fin, van estar xuntos. Un paso adiante ao que respondeu a audiencia. 

A ficción de Voz Audiovisual, no seu regreso á noite dos domingos, foi, unha vez máis, líder absoluta de audiencia na súa franxa de emisión. Cun 13,1 % de cota de pantalla e 136.000 espectadores de media, a produción emitida pola TVG impúxose en espectadores a toda a oferta televisiva no horario nocturno de máxima audiencia.

Serramoura, recentemente elixida como mellor serie por cuarto ano consecutivo na gala dos Premios Mestre Mateo, non só obtivo, ademais, o mellor dato medio na súa franxa de emisión, senón que marcou unha curva ascendente ao longo do capítulo, marcando máximos do 14,3 % de cota de pantalla e superando os 153.000 espectadores. Máis de 185.000 persoas en Galicia viron algún fragmento do capítulo no que a parella protagonista viviu o seu momento máis romántico.

O segundo posto da noite en Galicia foi para Catro, nun primeiro momento, coa emisión do programa Planeta Calleja, que marcou un 11,7 % e 128.000 espectadores; para logo baixar a un 6,4 % e 32.000 televidentes con Cuarto Milenio.

Por detrás do espazo presentado por Jesús Calleja situáronse, en número de espectadores, A 1 de Televisión Española, coa película Día da nai (10,1% e 102.000 espectadores); Telecinco, coa emisión do filme Pais por igual (9,7% e 97.000); La Sexta, co obxectivo de Ana Pastor (9,1% e 91.000); e o cine de Antena 3 coa teoría do todo (10,4% e 90.000).

Novos personaxes e tramas

O capítulo de este domingo estivo marcado, ademais de por a relación entre Marga Neira e Diego Bazán, pola despedida da ficción de Sabela Arán (protagonista da serie Viradeira, que se trasladou aos martes). Tamén se deu onte á noite o pistoletazo de saída a unha nova trama na serie coa chegada á ficción dos actores Sergio Pazos e Víctor Mosquera. O primeiro será Milo, un veciño de Serramoura con serios problemas económicos e incapaz de confesar á súa familia cal é a situación. O seu amigo Adolfo (Víctor Mosquera), empregado da todopoderosa Wodd Corp, acompañarao no devir dos acontecementos.

Pola súa banda, Rebeca López de Longoria segue impartindo a súa lei en Serramoura. Agora que Evaristo se rendeu á súa causa, só necesita acabar con Gloria e o serradoiro dos Soutelo, para facerse con todo o negocio madeireiro na vila. Como? Pondo aos veciños do pobo na súa contra.

Redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie; www.twitter.com/serramoura_tvg; www.instagram.com/serramoura.serie e www.serramoura.com.