Marga e Diego, parella ao terceiro intento na nova entrega de «Serramoura»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Os axentes de «Serramoura» van vivir o seu momento máis tórrido e apaixonado no capítulo desta noite, que conta con incorporacións como a de Sergio Pazos

11 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao fin xuntos. Despois de 107 capítulos sendo só compañeiros da Garda Civil de Serramoura , os fans da serie poderán ver por fin como parella a Marga Neira e Diego Bazán no capítulo que se emite esta noite, ás 22.15 horas, en TVG. Arrinca unha nova etapa nesta produción, recentemente elixida como mellor serie por cuarto ano consecutivo na gala dos Premios Mestre Mateo. No seu regreso á noite dos domingos, Serramoura ofrecerá hoxe un gran capítulo, coa parella protagonista a piques de vivir o seu momento máis romántico e tórrido.

Por fin, Marga tomou a iniciativa e declarouse a Diego, un día calquera, no cuartel de Serramoura . Agora, a sarxento agarda paciente unha resposta. Diego ten moi presente todo o sufrido desde que se coñecen, pero ambos saben que o que existe entre eles é moi forte e chegou o momento de deixar que suceda.

Por fin, os seguidores de Serramoura asistirán ao achegamento definitivo da parella máis agardada. Á terceira podería ir a vencida na vida de Marga e Diego. Intentárono no capítulo 74, pero a morte finxida dela mantívoos separados ata o seu regreso no capítulo 80. Tras un primeiro bico que Diego xa cría imposible, el decidiu afastarse da súa compañeira e protexerse así da dor sufrida. Pero Marga nunca se rendeu e leste é definitivamente o momento.

Novos personaxes e tramas

O capítulo desta semana abre unha nova trama na serie, que supón a chegada á ficción dos actores Sergio Pazos e Víctor Mosquera. O primeiro será Milo, un veciño de Serramoura con serios problemas económicos e incapaz de confesar á súa familia cal é a situación. O seu amigo Adolfo (Víctor Mosquera), empregado da todopoderosa Wodd Corp, acompañarao no devir dos acontecementos.

Pola súa banda, Rebeca López de Longoria segue impartindo a súa lei en Serramoura . Agora que Evaristo se rendeu á súa causa, só necesita acabar con Gloria e o serradoiro dos Soutelo, para facerse con todo o negocio madeireiro na vila. Como? Pondo aos veciños do pobo na súa contra.

Mentres, en casa dos Fiuza, Román sofre un desmaio que o levará ao hospital. Preocupado polo seu futuro, Evaristo fará todo o que Rebeca lle pida, se así consegue que o seu fillo ingrese na única clínica que podería garantirlle algunha melloría.

Redes sociais www.facebook.com/serramoura.serie; www.twitter.com/serramoura_tvg; www.instagram.com/serramoura.serie e www.serramoura.com