«Serramoura» se muda á noite dos domingos en TVG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

-

O próximo capítulo será o máis agardado e romántico da serie

07 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Serramoura, a gañadora do premio Mestre Mateo á mellor serie, por cuarto ano consecutivo, se muda desde esta semana da noite dos mércores á dos domingos (a partir das 22 horas en Televisión de Galicia). E, despois de 107 capítulos emitidos, farao coa estrea da entrega que os seguidores desta ficción levan agardando longo tempo: o episodio no que Marga e Diego estarán ao fin xuntos, se lles deixan.

Os incondicionais da serie Serramoura só tiveron que agardar máis de cen capítulos e tres anos e medio de emisións, para ver ás dúas estrelas deste thriller rural, os sarxentos Marga Neira e Diego Bazán, por fin como parella sentimental e non só como compañeiros da Garda Civil.

O regreso de Serramoura aos domingos terá lugar cun capítulo no que a parella protagonista está a piques de vivir o seu momento máis romántico e quente, e con novos personaxes que mergullarán ao espectador en novas tramas, ao máis puro estilo desta serie de Voz Audiovisual.

 Arrinca así unha nova etapa na esta ficción de gran éxito en Televisión de Galicia e que foi elixida como mellor serie a pasada fin de semana na gala dos premios Mestre Mateo por cuarto ano consecutivo. Despois do capítulo emitido a semana pasada, no que Marga e Diego foron secuestrados por unha perigosa banda de narcotraficantes e enfróntanse xuntos ao que podería ser o último día da súa vida, a serie chegará o domingo con máis amor que nunca, acción e intriga, porque aínda queda moita Serramoura.