Daniel Losada, entre a vida e a morte no final de «TAC»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

TVG emite ás 23.15 horas o último capítulo, no que el precisa recibir un novo corazón en cuestión de horas

23 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Amor, suspense, misterio e comedia son os ingredientes da serie TAC, que esta noite (23.15 horas) chega ao seu capítulo final en Televisión de Galicia co convalecente doutor Losada entre a vida e a morte. 

Por unha banda, o asasino de Marcos xa ten nome. Trátase de Xabi, cirurxián no hospital Francisco Balmis e parella ata fai moi pouco da doutora Muiños.

Por fin os espectadores puideron coñecer tamén o como e o por que da morte do xerente do hospital máis famoso de Televisión de Galicia. Xabi non apertou ningún gatillo e tampouco forneceu ao seu compañeiro de traballo ningún tipo de veleno mortal, nin lle asestou golpe ou puñalada algunha que acabase coa súa vida. O delito de Xabi consistiu en omitir o deber de socorro a pesar de que era consciente da morte inminente e agónica de Marcos.

O seu segredo hao convertido nun asasino e nun traidor ao xuramente hipocrático, que obriga a todo o persoal sanitario a asistir a quen o precise, en calquera lugar e momento, e na medida do posible.

Pero no Francisco Balmis todo o persoal vive agora con preocupación o empeoramento no estado de saúde do doutor Losada. Á espera da chegada dun corazón, Daniel sobrevive conectado a unha máquina. A súa situación médica é de extrema urxencia. Se non chega urxentemente un corazón para un transplante, en cuestión de horas morrerá.

Pola súa banda, Henrique está a pensar adoptar á pequena Natalia. Pero o novo cirurxián ten moitas cousas que valorar, antes de tomar unha decisión. Natalia aínda ten que reporse da súa operación e, ademais, hai unha parella tamén moi interesada na súa adopción e capaz de darlle a vida familiar que ela necesita.

Mentres, Xurxo, consciente da súa equivocación con Vera , está decidido a recuperala. O problema é que a actriz se atopa moi ocupada co seu novo proxecto televisivo. Terá esta historia un final de película?

Unha chea de frontes están abertos no hospital Francisco Balmis, onde, ademais, o seu xerente, Ánxela Souto, está embarazada.

Cada unha destas historias atopará esta noite o seu final no último capítulo de TAC , unha produción de Voz Audiovisual, da Corporación Voz de Galicia, baseada nos personaxes de Urxencia cero, que naceu co fin social de concienciar acerca da necesidade das doazóns de órganos en Galicia. Agora TAC achégase ás vidas persoais e as relacións amorosas deses personaxes.

A serie está presente nas redes sociais nos perfís https://twitter.com/TAC_serie e https://www.facebook.com/TAC.serie.