O doutor Xurxo Prieto, estrela da prensa rosa esta noite en «TAC»

Os rumores sobre unha suposta relación amorosa coa actriz Vera Dávila propáganse


redacción / a voz

Os paparazi apostaranse hoxe ás portas do hospital Francisco Balmis no novo episodio da serie TAC, que Televisión de Galicia emitirá ás 22.45 horas. O seu título: ¿Que sei eu de corazóns? O doutor Xurxo Prieto, interpretado por Nacho Castaño, converteuse no rostro máis coñecido do Francisco Balmis, aínda que non será por méritos propios. Os rumores sobre unha suposta relación entre o cirurxián e a actriz Vera Dávila (María Mera) corren como a pólvora. Un bico entre o galeno e a intérprete ás portas do hospital bastará para facer oficial a relación ante a prensa rosa, que busca a confirmación da noticia.

Pola súa banda, Daniel Losada segue facendo das súas no centro médico onde se desenvolve esta serie de Voz Audiovisual, da Corporación Voz de Galicia. O seu denodado empeño por descubrir quen é o asasino de Marcos está a pasarlle factura e a súa delicada saúde empeza a resentirse cada día máis, producíndolle incluso algúns desmaios. O seu cardiólogo e compañeiro, Xabi, recomendaralle que deixe de xogar aos detectives para poder coidarse mellor, pero esa non parece ser unha opción válida para o doutor Losada.

Precisamente Xabi é outro dos protagonistas do capítulo desta semana da serie TAC. Parella da doutora Muiños, a súa relación persoal non ten visos de estar a pasar polo seu mellor momento. En especial, desde a chegada de Henrique ao hospital Francisco Balmis. O achegamento entre Eva e o novo cirurxián é evidente. 

Pero Henrique parece ter asuntos máis importantes dos que preocuparse nestes momentos. E agora mesmo o máis importante de todos eles é a pequena Natalia. A nena cada vez mostra unha maior dependencia afectiva do cirurxián e leste terá que buscar a forma de xestionar os seus sentimentos cara á pequena do mellor xeito posible. Natalia necesita dúas cousas importantes: saúde e unha familia que lle poida proporcionar amor e coidados, pero o tempo corre na súa contra.

Baseada nas historias e os personaxes da serie Urxencia cero, TAC toma como escenario o hospital Francisco Balmis, xa coñecido por todos os espectadores de TVG, e apodérase dos seus médicos e pacientes para contar unha nova historia. As tramas desta produción audiovisual están cheas de comedia, investigación, suspense e, sobre todo, moito amor. De todo iso falan os seus seguidores nas redes sociais desta ficción, onde os espectadores poden estar ao tanto de todos os segredos de TAC consultando os perfís sociais da serie: https://twitter.com/TAC_serie e https://www.facebook.com/tac.serie/.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
0 votos
Comentarios

O doutor Xurxo Prieto, estrela da prensa rosa esta noite en «TAC»