«É bo que as series galegas descubran a nosa riqueza subacuática»

Formou aos protagonistas e ao director de «Viradeira» para as escenas baixo a auga

.

redacción / a voz

Pecios e tesouros mergullados na costa galega serán o desencadenamento da comedia Viradeira, a nova produción de Voz Audiovisual, da Corporación Voz de Galicia, que chegará proximamente ao prime time de Televisión de Galicia. Catro protagonistas da serie - Sabela Arán, Adrián Castiñeiras, Melania Cruz e Dani Trillo- e o director, Óscar Pedraza, preparáronse para gravar escenas subacuáticas co instrutor de mergullo Rubén Lucas Ayuso, propietario da empresa coruñesa Nauga e responsable da escola de mergullo, unha referencia en Galicia. Nela impártese formación a todos os niveis, desde o mergullo recreativo ata rescate subacuático, e ao longo de todo o ano, «sempre que o mar o permita». 

-¿En que consistiu a súa participación na gravación da serie «Viradeira»?

-Foi unha experiencia de mergullo que, neste caso, levaba un maior control por mor da gravación. Por iso pedíronnos asesoramento. Viñeron os catro actores e fixemos un bautizo subacuático, cunha explicación previa en superficie para que se familiarizasen aos poucos e sentísense os máis cómodos e seguros posible. Estivemos unha mañá decata traballando no mar no noso centro, a catro metros de profundidade. Alí preparamos o que ían gravar posteriormente na piscina da Escola Naval de Marín, onde tivemos que montar lonas de máis de dez metros a máis de catro metros de profundidade. Ademais, un día saímos ao mar co protagonista e o director para mergullarnos nos restos do Mar Exeo, onde se conseguiron unhas imaxes moi boas. 

-¿Como foi a adaptación dos actores ao medio acuático?

-Fixérono moi ben e lograron o obxectivo. Hai que preparalos de maneira que consigan mergullar de forma autónoma para que vaian sos, aínda que o instrutor estea ao seu lado en todo momento fóra de cámara. Ese é o noso día a día, conseguir que unha persoa sexa capaz de mergullar de xeito autónomo e que se divirta coa máxima seguridade. Ao principio os actores viñan con certa presión por querer facelo ben, porque contabamos cun tempo limitado polos ritmos de gravación. Pero despois do primeiro día quitáronse un peso de encima.

-¿Foi a súa primeira experiencia audiovisual?

-Si. Participaramos anteriormente nalgún anuncio, pero esta foi a primeira vez nunha serie de televisión. Foron máis de dez horas de gravación baixo a auga e o resultado vai quedar espectacular. A experiencia resultou moi gratificante e estamos moi satisfeitos de que se confiou en nós.

-¿Son os fondos mariños de Galicia o gran tesouro por descubrir?

-A xente cre que as augas de Galicia son un lugar escuro onde non se ve nada, pero para min é un das paisaxes máis bonitas do mundo. Aquí non hai peces tropicais e as augas son frías, pero os cantiis que hai na costa témolos tamén baixo a auga. Aos pés da Torre de Hércules hai paredes, canles e covas que a xente nin se imaxina e que non existen no Mediterráneo. Tamén temos naufraxios, restos de municións, bombas antigas... É bo que as series galegas descubran a nosa riqueza subacuática.

Arrinca en Mugardos a gravación de «Viradeira»

La Voz
Mugardos convértese no escenario de «Viradeira», a nova serie de TVG Esta comedia, producida por Voz Audiovisual, transforma a localidade en Dorneda, un lugar ficticio completamente revolucionado na procura dun tesouro afundido

A nova serie de Voz Audiovisual para TVG contará en clave de humor a pugna entre veciños e cazadores de tesouros por facerse co ouro dun barco afundido

Viradeira, a nova serie de Voz Audiovisual, comezou a súa rodaxe en Mugardos ante a gran expectación dos veciños da localidade e os turistas, que sen esperalo, atopáronse nas rúas do municipio cun estudio en plena xornada de traballo.

Durante aproximadamente os dous meses que durará a gravación do que será a nova aposta de ficción da televisión pública galega, Mugardos converterase no pobo ficticio de Dorneda, unha localidade que se embarcará na procura do ouro escondido no pecio do Augusta. Segundo a lenda, un barco cargado do prezado metal afundiuse nas augas da vila, pero ata o momento ninguén dera credibilidade á historia.

Seguir lendo

Votacin
1 votos
Comentarios

«É bo que as series galegas descubran a nosa riqueza subacuática»