Chega «TAC», a nova serie de misterio producida por Voz Audiovisual

Este «thriller» con grandes doses de amor emítese a noite dos luns en TVG

Chega «TAC», a nova serie de misterio producida por Voz Audiovisual Este «thriller» con grandes doses de amor emítese a noite dos luns en TVG

redacción / a voz

O hospital Francisco Balmis volve abrir as súas portas en Televisión de Galicia. Coñecido por ter servido de escenario a Urxencia cero e como centro de saúde de referencia para os habitantes de Serramoura , o complexo hospitalario de ficción máis famoso de TVG volve á pequena pantalla para desvelar agora os seus maiores secretos nunha nova serie onde o misterio e o amor son os protagonistas. 

Baseada en Urxencia cero, a nova TAC toma como escenario o hospital Francisco Balmis e volve centrarse nos seus médicos e pacientes para contar unha nova historia. Aínda que a serie da que parte naceu cun obxectivo social (publicitar en Galicia a necesidade de doazóns de órganos), unha vez cumprida esa misión, TAC deixa nun segundo plano os quirófanos para enfocarse nos personaxes e profundar na súa vida persoal e amorosa, sen deixar de lado un aliciente extra: o misterio. As tramas desta ficción están cheas de comedia, investigación, suspense e, sobre todo, moito amor. 

Serie coral e novos actores

TAC é unha ficción protagonizada por un gran elenco de primeira fila. Algúns dos rostros máis familiares de Televisión de Galicia forman equipo con novos valores da interpretación, que prometen ser a gran revelación da tempada. 

Na repartición desta nova serie cóntanse grandes incorporacións como Luisa Merelas (que interpreta a Fina, a nai do doutor Losada), Alberto Rolán (Gabriel), David Novas (Henrique), Samuel Blanco (Damián), Victoria Pérez (Costa), María Mera (Vera ), Leire Rodríguez (Natalia), ademais do regreso de Manuel San Martín (como Marcos).

A estes súmanse os nomes que xa se fixeron populares e regresan aos seus mesmos personaxes de Urxencia cero: Covadonga Berdiñas (Reme), Nacho Castaño (Xurxo Prieto), Ana Conca (Ánxela Souto), Raquel Espada (Sara Souto), Julia Gómez (Eva Muíños), Paula Morado (Laura Montes), Salvador do Río (Adolfo Serantes), Artur Trillo (Vitu), Dani Trillo (Lois Ferreiro), Carolina Vázquez (Pili Garrido) e Carlos Villarino (Daniel Losada). 

Urxencia cero contou coa colaboración da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e co apoio directo dos profesionais do Sergas e, en especial, da Coordinación de Transplantes de Galicia e do Chuac. Os estudios da produtora no polígono da Grela, na Coruña, serviron de escenario para a recreación dos corredores, cuartos, despachos e zonas comúns do hospital Francisco Balmis. 

O balneario lucense de Guitiriz foi de novo o escenario principal onde se localizaron os exteriores naturais que, xunto aos decorados interiores, dan vida, grazas á maxia da televisión, aos fogares e lugares cotiáns nos que transcorre a vida dos protagonistas e que serven de nexo para os seus encontros e desencontros.

TAC é unha nova aposta de ficción da produtora Voz Audiovisual, da Corporación Voz de Galicia, que retorna, unha vez máis, ao xénero de misterio, un dos seus favoritos e que tantos títulos de culto deu ao audiovisual galego. Dos seus estudios xurdiron thrillers tan míticos como Matalobos, As leis de Celavella ou a actual Serramoura. Pero tamén foi o berce de grandes comedias como Padre Casares, Mareas vivas ou a que promete ser a revelación deste ano, Viradeira, unha nova historia con grandes doses de humor que chegará á grella de TVG no outono. Será o retrato dun pobo en pé de guerra pola propiedade dun tesouro afundido que promete facer as delicias do público galego. 

Acerca do estrea de TAC , os espectadores poden coñecer todas as noticias e novidades sobre a serie nos perfís sociais https://twitter.com/TAC_serie e https://www.facebook.com/tac.serie/.

.

«Podemos reproducir unha contorna similar a un hospital»

Máis de dous mil profesionais de distintas especialidades do ámbito sanitario fórmanse cada ano no Centro Tecnolóxico de Formación do Chuac, unha «infraestrutura excepcional e privilexiada» que imparte máis dun centenar de cursos a sanitarios de todo o país. Nas súas instalacións graváronse Urxencia cero e a nova TAC. «Dispomos dunha infraestrutura que é unha réplica dun hospital e que podemos modelar para reproducir unha UCI, un quirófano ou un box de críticos -explica Alberto Centeo, coordinador deste centro-. O motivo polo que se gravou a serie aquí é a posibilidade de recrear unha contorna de traballo similar á realidade sen interferir co hospital». 

Entre os recursos médicos deste centro tecnolóxico figuran manequíns informatizados capaces de simular diferentes estados de pacientes e que tamén foron empregados en ocasións para a gravación.

Outra das misións que levaron a cabo os profesionais do Centro Tecnolóxico de Formación do Chuac foi a de asesorar aos intérpretes da serie nos hábitos do día a día na contorna médica, desde o manexo dun bisturí ata cuestións loxísticas como a forma correcta de pórse as luvas, o xeito de comportarse ou como manter a esterilidad do material dentro dun quirófano. «Os actores tiñan unha disposición extraordinaria e foron moi rápidos aprendendo, cunha habilidade abraiante para mimetizar todo o que lles contabamos», relata Celestino Pérez, coordinador de enfermería do centro.

O bo traballo duns e outros deu como resultado unha «reprodución fidedigna» das rutinas dun hospital e que, ademais de entreter ao espectador, permitiu dar visibilidade ao traballo dos gardiáns da saúde. «A serie aproxima aos cidadáns ao profesional do medicamento como ser humano e á dificultade que supón moitas veces a toma de decisións, porque non somos omnipotentes», afirman ambos os profesionais.

Votación
1 votos
Comentarios

Chega «TAC», a nova serie de misterio producida por Voz Audiovisual