Frank Cuesta contra «Zapeando»: «Estabades pedindo unha foto cun escravo»

LAURA MIGUEZ TORRES / D.S. REDACCIÓN

TELEVISIÓN

EFE

O presentador subiu un vídeo a Youtube no que critica ao programa por pedir fotografías con animais exóticos

27 jul 2017 . Actualizado ás 20:06 h.

O pasado 17 de xullo, o programa de LaSexta Zapeando publicaba un chío no que propuña aos seus seguidores publicar fotografías con animais exóticos. «Serpes, elefantes, iguanas… ¡Queremos que compartas connosco as túas fotos con animais exóticos!», así o anunciaba o espazo presentado por Frank Blanco na súa conta de Twitter.

A publicación non tardou en obter resposta, en concreto a do presentador de televisión Frank Cuesta . A pesar da boa relación que mantén co programa, o extenista non dubidou en dar a súa sincera opinión. «Fago este vídeo porque considero que cometestes un grave erro» e engade «eu creo que a habedes cagado». 

En concreto, Cuesta opina que «non mola nada» a proposta feita polo programa, xa que «se non hai demanda, non hai negocio» e estaban pedindo unha fotografía que para eles e «para a xente son uns segundillos pero para ese animal é toda unha vida de escravitude e de dor».

No vídeo, o presentador non dubida en ofrecer imaxes nas que se mostra o trato ao que son sometidos os animais que logo servirán de modelos nestas fotografías. «Aos tigres quítaselles da súa nai desde bebés e fáiselles beber biberóns e biberóns cando queren ou cando non queren para a foto», explica. 

Engade, ademais, que para poder cerciorarse de que o momento de obter a instantánea sexa seguro «aos animais hai que machucalos desde pequenos para que collan medo ao home». Polo tanto, considera que a petición deste tipo de fotografías é unha forma de fomentar esta práctica que pon en dúbida o benestar de moitas especies exóticas. 

«Vexo que cometestes un erro e dígoo por se queredes recapacitar ou queredes rectificar», engade Frank, coa esperanza de que o programa reconsidere a súa petición. «Tedes un programa de televisión que ve moita xente e estase dando a mensaxe errónea», conclúe.