Ewan McGregor desdóbrase na terceira tempada de «Fargo»

A serie, que nos seus dous cursos anteriores gañou dous Globos de Ouro, renóvase sen perder a súa esencia de comedia negra

.

redacción / a voz

Emmit Stussy é o dono dunha rede de aparcadoiros de Minesota, un exitoso home de negocios feito a si mesmo que encarna o soño americano. O seu irmán Ray é un perdedor vindo a menos que culpa ao primeiro de todas as cousas que lle ocorren. Os dous teñen o rostro de Ewan McGregor e son os protagonistas da terceira tempada de Fargo , que onte se estreou en Estados Unidos e hoxe chega a España a través de Movistar Series Xtra (22.20 horas). 

A serie, que nas súas dúas tempadas anteriores gañou dous Globos de Ouro e cinco premios Emmy, regresa ao universo ficticio do medio Oeste de Estados Unidos que inventaron os irmáns Coen na película do mesmo título estreada no ano 1996. Todas as entregas se sitúan no mesmo escenario e gardan relación entre si, aínda que cada unha conta unha historia diferente e os seus protagonistas tamén se renovan. A terceira tempada estará máis pegada á actualidade que as anteriores e por iso as novas tecnoloxías e as redes sociais aparecerán en escena, mentres que o suspense, o drama policíaco e a comedia negra seguirán sendo a súa esencia principal.

A rivalidade entre os dous irmáns encarnados por Ewan McGregor levaraos por un camiño de pequenos roubos que acabará en asasinatos, mafias e sangue. A eles enfrontarase a shériff local, Gloria Burgle (interpretada por Carrie Coon), unha policía pragmática e defensora das solucións rápidas e as formas sinxelas que, como nai recentemente divorciada, trata de entender o mundo dixital.

Votación
3 votos
Comentarios

Ewan McGregor desdóbrase na terceira tempada de «Fargo»