Arrinca «Segunda oportunidade», nova serie de Voz Audiovisual para TVG

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

Amor e misterio protagonizarán esta nova ficción, que se estreará no outono

21 ago 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A vida está chea de segundas oportunidades e a nova serie de Voz Audiovisual mostrará como moitas veces un novo comezo está máis preto do que parece. Esta semana arrinca nos estudios da produtora que deu orixe a ficcións de culto en Galicia como Padre Casares, Matalobos e Serramoura a gravación da nova serie de Televisión de Galicia Segunda oportunidade. Un asasinato como punto de partida e un hospital como escenario servirán de arranque para a nova ficción da produtora galega, que promete grandes doses de amor e misterio. A serie chegará ao prime time de TVG o próximo outono. 

Suponse que un hospital debe ser un lugar seguro, ao que a xente acode para mellorar o seu estado de saúde. Pero que pasa cando se converte no escenario dun asasinato? Desta forma misteriosa arrinca Segunda oportunidade, a nova ficción de Voz Audiovisual para TVG.

Baseada na exitosa Urxencia cero, Segunda oportunidade toma como escenario o hospital Francisco Balmis e apodérase dos seus médicos e pacientes para contar unha nova historia. Aínda que a serie na que se basea naceu cun obxectivo social (publicitar en Galicia a necesidade de doazóns de órganos), unha vez cumprida esa misión, Segunda oportunidade deixará nun segundo plano os quirófanos para centrarse nos personaxes e profundar na súa vida persoal e amorosa sen deixar de lado un aliciente extra: o misterio. As tramas desta ficción estarán cheas de comedia, investigación, suspense e, sobre todo, moito amor. 

Santi M. Amil

Serie coral e novos actores

Segunda oportunidade será unha serie protagonizada por un gran equipo de actores de primeira fila. Algúns son rostros moi familiares para o público de Televisión de Galicia, mentres que outros serán novos valores da interpretación que prometen ser a gran revelación da tempada. 

No elenco atoparanse novas incorporacións como Luisa Merelas (que interpretará a Fina), Alberto Rolán (Gabriel), David Novas (Henrique), Samuel Blanco (Damián), Victoria Pérez (Costa), María Mera (Vera ), Leire Rodríguez (Natalia), ademais do regreso de Manuel San Martín (como Marcos). A estes sumaranse os nomes que xa se fixeron populares cos seus personaxes na anterior serie Urxencia Cero: Covadonga Berdiñas, Nacho Castaño, Ana Conca, Raquel Espada, Julia Gómez, Paula Morado, Salvador do Río, Artur Trillo, Dani Trillo, Paloma Saavedra, Carolina Vázquez, Carlos Villarino e Patricia Torres, esta última seleccionada da Escola de Ficción de Voz Audiovisual.

Urxencia Cero contou coa colaboración da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e co apoio directo dos profesionais do Sergas e, en especial, da Coordinación de Transplantes de Galicia e do Chuac

Ao mesmo tempo que prosegue en Silleda a gravación do final do camiño, a nova serie de época que Voz Audiovisual prepara para Televisión Española e TVG, os estudios da produtora no polígono da Grela, na Coruña, acollerán os corredores, cuartos, despachos e zonas comúns do hospital Francisco Balmis. Por outra banda, os exteriores do centro sanitario localizaranse no balneario lucense de Guitiriz. Interiores e exteriores naturais darán vida aos fogares e lugares cotiáns nos que transcorrerá a vida dos protagonistas e que servirán, xunto ao hospital Francisco Balmis, de escenario para os seus encontros e desencontros.