«Toda Serramoura vai defender a súa vila e podería haber estrañas alianzas»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

O actor asegura que a fidelidade do público galego é un dos factores clave para o gran éxito de «Serramoura»

29 may 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Evaristo Fiúza intentouno todo para evitar que a mafia rusa se fixese con Serramoura, pero o conflito xa está servido e ameaza con alterar a vida da vila. Os rusos intentarán vingar a morte de Sokolov e o empresario parece ser o principal sospeitoso. «Non tardarei en deixar as cousas claras coa Garda Civil, pero para a mafia rusa será moi difícil demostrar que eu non tiven nada que ver -explica o actor Antonio Mourelos-. É posible que teña que pagar as consecuencias de algo que non fixen». Esta noite en Serramoura, a partir das 22.25 horas, chegarán as primeiras mortes polos enfrontamentos entre a mafia e os habitantes.

-No seu caso estase facendo verdade o refrán de que outro virá que bo che fará.

-Nesta temporada non vai vir un, senón que van vin varios que me van facer bo. Voume quedar en nada comparado coa maldade da xente que hai no pobo e dos que se van incorporando. Bos debe haber poucos, porque en Serramoura todo o mundo ten o seu aquel.

-Será Evaristo quen lle faga fronte á gran ameaza dos rusos?

-Aos rusos vailles facer fronte todo o pobo. A Serramoura non lle vai quedar outro remedio, porque esta xente ven para quedar con todo. Cada un o fará á súa maneira, uns máis legal e outros menos legal. A xente de Serramoura é moi súa e non vai consentir esta situación facilmente. Non vou ser o único que vai defender a súa vila e a súa xente. E pode que haxa estrañas alianzas. Aí o deixo.

-A relación de Evaristo con Gloria é outra das incógnitas.

-É unha relación moi complexa que dificilmente terá unha boa saída, pero a vida da moitas voltas e o amor tamén. Con Serramoura nunca se sabe. Os sentimentos nesta vila van cambiando moito, aínda que Gloria é moita muller e Evaristo seguramente non sexa moito home para ela.

-Parece que se aveciña unha temporada de moitos cambios en «Serramoura».

-En Seramoura toda a xente sufre continuos cambios, porque nunca hai un momento de respiro nin de tranquilidade. Cando parece que a cousa vai ben, algo sucede que o trastoca todo. Serramoura non deixa de ser un reflexo da vida real a nivel humano, aínda que pasan moitas cousas e moi seguidas. Pero sempre a realidade supera con moito a ficción.

-Poderá Evaristo perder a súa influencia na vila?

-Evaristo pasará por moitos cambios. Pasa de estar arruinado e ter que agarrarse ao concello como única vía de poder sobrevivir a verse outra vez arriba e pensar que xa a alcaldía non lle preocupa tanto. A Evaristo o que lle preocupa é a súa terra, a súa madeira e a súa vila. O seu obxectivo non é a política, senón buscar o máximo beneficio para el.

-Que lle di a xente pola rúa do seu personaxe?

-Curiosamente métense moito comigo e pregúntanme por que son tan malo, da igual o que faga. E eu digo que ao meu lado hainos peores. Todos os actores collemos cariño aos nosos personaxes e intentamos humanizalos, pero a min Evaristo paréceme un home entrañable, aínda que perde as formas e váiselle a forza pola boca. Sorpréndeme cando me din que son malo, pero creo que son reminiscencias doutros personaxes que fixen antes.

-Cal cre que é a razón pola que os espectadores galegos están elixindo «Serramoura»?

-Creo que depende de moitos factores, da historia, dos guións, dun magnífico reparto de actores que mestura xente nova e outros máis veteranos... Pero hai algo do que se fala poucas veces, que é a audiencia. Creo que é un punto moi importante para o éxito desta serie e que se podería facer extensivo á audiencia da Televisión de Galicia en xeral. Ao público da Galega gústalle ser fiel ás series na medida que non os enganamos e tamén nós lle somos fieis nas historias que contamos, por iso temos que estarlles moi agradecidos.

-Ademais agora fanse moi visibles nas redes sociais.

-Antes percibías o apoio na xente na rúa, pero agora tamén o notas moito nas redes sociais, nesa empatía coas series e con nós como as súas cabezas visibles. Ademais, axudan a fidelizar á xente máis nova.