«A chegada dos rusos vai arrasar con Serramoura»

«A Gloria quitaríalle o tacón e poríalle un pouco de ferro nas mans», asegura a intérprete sobre o seu personaxe


redacción / a voz

O achegamento entre Evaristo e Gloria, interpretada pola actriz Sabela Arán (Santiago, 1987), en Serramoura deixou ao público expectante a semana pasada e pendente de descubrir hoxe onde conduce esa relación. Ademais, no episodio desta noite (TVG, 22.20 horas), a Garda Civil dará novos pasos na resolución do asasinato dos Piñeiro, mentres que os enfrontamentos entre a mafia rusa e os habitantes do pobo non tardarán en aparecer.

-O público está a descubrir a unha Gloria transformada. ¿En que momento está o personaxe?

-A que vemos agora é a Gloria 3.0, porque está desenvolvendo unha vea traballadora na que se busca a vida xunto con Raquel a pesar das diferenzas que hai entre ambas.

-¿E que futuro gustaríalle para ela?

-Gustaríame que Gloria estivese máis metida en acción, que sacase unha vea de coller as armas e pórse a pegar tiros. Quitarlle o tacón e pórlle un pouco de ferro nas mans. O personaxe vai dar sorpresas e chegará a situacións extremas nas que se verá obrigada a facer cousas que nunca pensamos que faría.

-¿Que máis xiros traerá a terceira tempada?

-A chegada dos rusos vai arrasar con Serramoura, porque non vai haber nin unha persoa no pobo que non se vexa prexudicada. Os métodos que estes utilizan van ser totalmente diferentes do visto ata agora, porque operan de xeito distinto. Ademais, con eles vanse a abrir novos lugares e localizacións e vanse a establecer novas relacións amorosas. Tamén haberá toques de humor para oxigenar a tensión. E nesta tempada as mulleres van ter un papel importante e os personaxes femininos van levar a voz cantante en moitas ocasións.

-O «thriller» foi tradicionalmente un xénero moi masculino.

-Ata agora os malos eran mozos e as mulleres estaban no medio como moeda de cambio. Pero creo que o público pide que se invistan un pouco os papeis para cinguirse á realidade. É unha chamada de atención para que nós esteamos máis presentes. O thriller é un xénero masculino porque se escribiu sempre así. Mulleres que desenvolveron eses personaxes hóuboas sempre, pero hai que ter a vontade de mostralas. Nese sentido, imos ter novas incorporacións que van dar moito que falar. É un conxunto de moitos ingredientes que fan que o cóctel de Serramoura funcione moi ben e saiba rico. Iso engancha ao público e engánchanos a nós como actores. A serie conta con personaxes moi definidos e cuadriculados, pero aos poucos imos descubrindo cousas novas e recunchos, que é o que a min me está pasando con Gloria. Sempre a defenderei a matar, porque é unha muller moi interesante e moi lista. E o público empatiza moito con ela, polo que percibo na rúa. É tan fría e calculadora que crerías que cae mal, pero é todo o contrario. É un alter ego de algo que todas quereriamos ser de cando en vez.

-¿Como se viviu na serie o segundo premio Mestre Mateo á mellor ficción galega?

-Con alegría e sorpresa, porque, aínda que non traballas para os premios, si os teus compañeiros de profesión vótanche e dan valor ao que fas iso significa algo. Celebrámolo ao grande, porque é un premio merecido. Sabemos que o que ocorre en Serramoura non é real, pero gusta, porque, como ocorreu no seu día ocorreu con Matalobos , é unha serie que busca un punto de innovación na ficción galega e atrévese a ir un paso máis aló. 

Votación
1 votos
Comentarios

«A chegada dos rusos vai arrasar con Serramoura»