Ánxela Souto, entre o eixo e a roda na despedida de «Urxencia cero»

La Voz REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O vindeiro domingo toman a vez en TVG as novas entregas de «Serramoura»

01 may 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

O traballo de Ánxela Souto como xerente do hospital Francisco Balmis podería ter as horas contadas. Á denuncia da súa irmá Sara por darlle o posto de adxunto a Lois, o seu amante, súmanse as acusacións de Marcos contra ela. Por todo iso, vivirá horas convulsas no final da primeira tempada de Urxencia cero, que se emite ás 22.05 horas en TVG.

É certo que se fixeron algunhas cousas mal no Balmis: a operación de César Souto e a ocultación da súa enfermidade; os erros de Lois e Sara que case se cobraron as vidas de dous pacientes... Pero, aínda así, Ánxela íase gañando aos compañeiros, dispostos a facer o que sexa para que permaneza no seu posto.

A pesar de todo o balbordo, o traballo non se detén nunca. É o caso de Vicente, un enfermo de ril que se opón ao transplante. El só cre na homeopatía. Serantes e Muiños afrontarán a situación con paciencia pero con firmeza, confiando en non chegar demasiado tarde.

A Losada, pola súa banda, hai algo que lle quita o soño. Trátase dun horrible pesadelo na que Muíños e os adxuntos exercen de cirurxiáns cun paciente moi especial: el mesmo. O que para calquera persoa sería só un mal soño para Daniel é premonitorio, o que fará que a súa preocupación polo estado do seu corazón aumente. Allea a todo, Laura terá que enfrontarse a unha nova situación laboral. Tras ser rexeitada como adxunta, o seu plan é permanecer no mesmo lugar e continuar a súa relación con Losada. Pero el, consciente do seu delicado estado de saúde, animaraa a aceptar unha oferta de traballo en Mallorca e centrarse na súa carreira. Pronto se dará conta do seu erro.

Todos estes asuntos serán o centro da conversación a través de www.facebook.com/UrxenciaCero , a conta de Twitter \UrxenciaCero e na web www.urxenciacero.com.

Poder e diñeiro en «Serramoura»

Para facer máis levadía a ausencia de Urxencia cero, o vindeiro domingo 8 regresará á grella de TVG a nova tempada do thriller rural Serramoura. A vila madeireira vivirá a chegada de novos veciños. Algúns estarán só de paso, mentres que outros chegarán para quedar, pero ningún deles pasará desapercibido.

Cada vez son máis os que se disputan o poder e o diñeiro en Serramoura. Os Soutelo e os Fiuza, tradicionais donos do pobo, terán que lidar con novos competidores. Alianzas insospeitadas e traizóns que van máis aló dos sentimentos prometen ter aos espectadores pegados ao seu televisor unha tempada máis. Todas as novidades da nova tempada poden seguirse en www.serramoura.com , www.facebook.com/serramoura.serie, www.twitter.com/serramoura_tvg e www.instagram.com/serramoura.serie.