Redacción / La Voz

Co ton festivo que caracteriza á gala dos premios Mestre Mateo, un ano máis os protagonistas do audiovisual galego celebraron ao grande o bo nivel da ficción en Galicia, que volveu destacar a Serramoura como a mellor serie, no que xa é o segundo galardón consecutivo da ficción na mesma categoría. Tras unha sonora ovación, Carlos Carballo, director de Voz Audiovisual, dedicou o premio no escenario a todo o equipo da ficción por «ser os mellores».

Reunidos no Palacio da Ópera da Coruña, desde as 22.00 horas deste sábado, e con algo de atraso, os nomeados gozaron dun espectáculo amenizado polo humor que lle puxeron os presentadores, o cómico Xosé Antonio Touriñán e a xornalista Marga Pazos, nada máis comezar: «Isto vai ir rápido, vai ser divertido, a ver, se Leonardo DiCaprio foi capaz de recibir un Óscar nun minuto e pedir polo medio ambiente, nós tamén, que queremos ser Hollywood».

A cerimonia arrincou máis como un encontro de amigos que como unha posta en escena de rivalidades grazas a un guion que pretendía minutar con precisión cada unha das intervencións e que, a diferenza doutros eventos deste tipo, permitiu o desafogo dos aplausos espontáneos. Que, como non, levou a triunfadora da gala, a película O descoñecido, que arrasou con doce premios dos dezaseis aos que aspiraba. Entre eles os de interpretación, que recaeron todos por primeira vez nun mesmo filme. Os premios foron para o protagonista, Luis Tosar, e para o actor de repartición, o ferrolán Javier Gutiérrez, que dedicou o premio a todos «os avós, os preferentistas que foron enganados».

Luis Tosar, que agradeceu o galardón a través do teléfono de Emma Lustres, é un imán para estes premios, porque si O descoñecido converteuse no filme máis premiado, faino tras superar a Cela 211, na que tamén participaba o actor. Para O descoñecido foron tamén os Mestre Mateo de interpretación feminina, para Paula do Río e Elvira Mínguez, que non asistiu á gala, pero mandou unha mensaxe reclamando papeis para mulleres maduras.

Mellor comunicador

Por segundo ano consecutivo, o premio Mestre Mateo á mellor serie web recaeu en O método sueco, e por primeira vez o presentador do tempo, Martín Barreiro, unha das caras máis coñecidas da pequena pantalla, fíxose co premio ao mellor comunicador.

Votacin
12 votos
Comentarios

«Serramoura» álzase un ano máis co Mestre Mateo á mellor serie