«Ánxela Souto nunca se implica emocionalmente, pero pode cambiar»

A actriz valenciana Ana Conca avanza que a xerente do hospital Francisco Balmis, de «Urxencia cero», dará un xiro radical


redacción / a voz

Como actriz, Ana Conca pode ser moitas persoas diferentes. Trapecista de circo nos seus inicios, vedette na súa compañía de teatro de variedades As Raíñas Meigas, protagonista dun musical como Campanilla e xerente dun hospital pioneiro en transplantes, como fai cada domingo en Urxencia cero (en TVG, ás 22.30 horas). A intérprete que dá vida á estrita Ánxela Souto é valenciana de nacemento e, por amor, galega de adopción. Traballou duro co idioma para entrar a formar parte do audiovisual galego sen que o acento a delate.

-¿Foi fácil adquirir fluidez en galego para dicir os seus diálogos con soltura?

-É un idioma moi fácil de entender, pero para min o hándicap era conseguir que non se soubese pola miña forma de falar que non son galega de nacemento. Así que eu na serie, á parte do traballo actoral de aprenderme os diálogos, teño que facer un traballo extra co idioma, algo que me encanta. Sigo estudándoo e son moi esixente, porque entendo que o noso traballo o require.

-¿Tan esixente como Ánxela Souto, a xerente do hospital de «Urxencia cero»?

-Ánxela é moito! Lévome moi ben co meu personaxe, porque non nos parecemos en case nada. Creo que nunca faría algunhas cousas que ela fai, aínda que nunca podes dicir desta auga non beberei. Eu son moi de corazón, sensiblona, choro moito; son moi mediterránea, pero resúltame moi divertido pórme na pel dunha persoa como ela. Ánxela, en cambio, é todo o contrario a min. É moi cerebral e estudou a carreira médica non porque quixese ser médico, senón porque quería ser a que tomase as decisións. Ela é a mellor, sábeo e ademais faino moi ben.

-Algunha fisura terá...

-Claro que as ten, todos as temos e ela ten algunhas moi profundas que se irán vendo máis adiante e que lle farán dar un xiro radical e reformularse moitas cousas. Ninguén é tan malo nin tan bo.

-En «Urxencia cero», fóra do quirófano hai moitas relacións amorosas secretas. ¿Permítese o seu personaxe mesturar traballo e pracer?

-Ánxela é incapaz de empatizar con ninguén. Deixa os seus sentimentos fose e non se implica emocionalmente, nin sequera coa súa irmá. Neste punto da tempada, ela é totalmente aséptica e mantense illada dos sentimentos cara aos demais, pero máis adiante as cousas poden cambiar...

-¿Mellorará a relación fría que mantén coa súa irmá?

-Para Ánxela, Sara é como un proxecto de carreira. Ela vai facer todo o que sexa para conseguir que a súa irmá triunfe, pero parece que todos os seus intentos teñen o efecto contrario.

-¿A que cousas renuncia Ánxela polo seu traballo?

-Renuncia a toda pola súa carreira e a súa profesión. Unha das cousas que me gustan de Urxencia cero é que aquí non hai discriminación positiva. Prima a profesionalidade e o saber facer e si Ánxela é a xerente é porque é a mellor.

-¿Que é o que máis valora de «Urxencia cero» como espectadora?

-Ponche sempre no límite da vida e a morte, pero de forma moi coidada, sen escenas desagradables. Desde o minuto uno son casos extremos nos que o fío se pode romper facilmente e iso, como espectadora, tenme enganchada. Ademais, por ela pasa moita xente da profesión en Galicia interpretando personaxes episódicos, o cal está moi ben. A serie é do mejorcito a nivel nacional, cun gran nivel tanto de guion, produción, decorados, realización e montaxe. E os actores formamos unha gran familia. O noso chat bota fume, estamos como tolos por xuntarnos outra vez.

-¿Gústalle o contacto directo, e en directo, cos espectadores nas redes sociais?

-As redes sociais son unha ferramenta marabillosa para saber que pensa a xente e falar con ela de forma inmediata e sen intermediarios. O público agradéceo moito e nós tamén.

Votación
4 votos
Comentarios

«Ánxela Souto nunca se implica emocionalmente, pero pode cambiar»