«Serramoura» despide a súa segunda tempada cunha nova morte

La Voz REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Un cuadrillero ilegal aparece morto no último capítulo (TVG, 22.30 horas)

17 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Serramoura despídese. A serie de Voz Audiovisual chega esta noite (TVG, 22.30 horas) ao final da súa segunda tempada con novas intrigas que sacoden ao pobo mentres Evaristo Fiúza faise co poder.

Un cuadrillero ilegal aparece morto en Serramoura. A cousa complícase cando os investigadores se decatan de que o cadáver foi achado nos montes da parroquia, xestionados por don Amancio e traballados por Santos. Ninguén no cuartel cre que se trate dun simple accidente laboral.

Mentres, no concello, Evaristo Fiúza toma posesión do seu despacho. O novo alcalde do pobo quere pórse ao día rápido sobre as cuestións máis importantes para o seu municipio. Pero o recibimento por parte dos empregados non será bo. Hai algúns asuntos municipais que creen que é mellor non remover, pero eses son exactamente os temas sobre os que Evaristo quere actuar. O seu principal obxectivo será levar por diante a Rogelio e a dona Teresa .

Pola súa banda, Hugo e Pancho están ocupados tratando de facer negocios ás costas do novo edil. Martín, o sobriño de Teresa Soutelo, parece estar interesado en Raquel, algo que irrita ao seu ex marido.

Con tanto suceso, o traballo vai en aumento para o sarxento Penedo e os seus, que deberán facer fronte a unha nova investigación, a dun crime tráxico e violento cuxas consecuencias nin se imaxinan.

Co capítulo Contar ata cen, a serie Serramoura despide unha nova tempada na que confirmou o éxito dos seus primeiros capítulos como ficción revelación de Televisión de Galicia. Nela acadou marcas como o logrado no seu capítulo 34, con 207.000 espectadores de media e un 19,2 % de cota de pantalla, un logro que converteu a TVG en líder de audiencia. Durante a actual tempada, a serie foi varias veces trending topic a nivel nacional ao copar numerosos comentarios nos seus perfís das redes sociais. Os seguidores da serie, bautizados como serramourers, convertéronse nunha comunidade moi activa en www.facebook.com/serramoura.serie ; www.twitter.com/serramoura_tvg; www.instagram.com/serramoura.serie e na web www.serramoura.com.

Antes do capítulo, ás 22.05 horas, emitirase unha nova entrega de Crónicas de Serramoura, coas reviravoltas da serie contados polos propios actores.