O gran éxito de «Serramoura»

Olalla Sánchez Pintos
Olalla Sánchez MOITO CONTO

TELEVISIÓN

30 novs 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Non era doado volver a fidelizar ao público ao emitirse en domingo, nunha das noites máis rifadas, na que compite con formatos de entretemento e informativos moi ambiciosos, que se impulsan en precampaña. Aínda así, Serramoura, o thriller que emite a TVG, logrou pisar o acelerador ata liderar no último mes o prime time en Galicia, estando á altura das expectativas creadas tras a primeira tempada.

Entre os seus grandes acertos, máis aló do seu sorprendente guion, a súa inquietante atmosfera ou o de resultar visualmente moi agradecida co sector forestal, sobresae o de non dar descanso ao espectador, con incesantes tramas, que manteñen a expectativa á alza, non se alongan de forma gratuíta e afectan a todos os personaxes, cos seus lados escuros e segredos. Un ritmo trepidante que axuda a que non se bote en falta a perda de protagonistas ou un maior desenvolvemento das relacións persoais. Uns amores sobrentendidos, e non resoltos, que, en calquera caso, incitan a pegarse de novo á pantalla.

A ficción, de coidada factura técnica, tamén acertou na súa estratexia dixital ao alimentar en Twitter a fame dos seus ruidosos seguidores («serramourers»), que celebran con fervor cada xiro inesperado. Unha nova xeración de espectadores que talvez sexa o seu maior éxito.