Mariana Expósito: «Aquí non se salva nin o guionista»

O personaxe de «Serramoura» Luz será vítima esta noite dunha brutal agresión

.

redacción / a voz

A tranquilidade está cada vez máis lonxe de Serramoura . No episodio desta noite (TVG, 22.30 horas), titulado Penitencias, Raquel chega ao final na súa investigación sobre o pasado da súa nai cando dona Teresa lle proporciona as pezas que faltaban. As irmás Neira escoitarán a voz materna nunhas vellas gravacións do seu psiquiatra. Pero o grolo máis duro será para Luz, a camareira da taberna do pobo, que será vítima dun terrible crime e terá que enfrontarse a dura investigación. A actriz Mariana Expósito é quen se mete cada domingo na súa pel.

-Asusta vela no avance do capítulo desta noite...

-A verdade é que si... Ata a miña nai mandoume unha mensaxe para dicirme que me acababa de ver na tele e preguntarme que me facían... É unha imaxe moi bonita e moi coidada, pero impacta.

-¿Que se pode adiantar sen estragar o argumento?

-Podemos dicir que, a pesar de que ela non provocou nada, alguén relacionado con Serramoura atácaa unha noite. Non podemos dicir moito máis. A medida que avanza o capítulo teremos algún sospeitoso e haberá cousas que ela poderá ir recordando.

-En «Serramoura» non se gaña para desgustos...

-A verdade é que non nos salvamos case ningún, a todos nos pasa algo, sobre todo nesta segunda tempada, que é a tolemia máxima.

-¿Pisouse o acelerador nos novos episodios?

-A primeira tempada centrouse en resolver o caso de Mónica Triáns e agora, na segunda, pásannos máis cousas aos demais personaxes e a Garda Civil non consegue pechar os casos, porque son unha chea.

-Despois dunha tempada familiarizada co personaxe de Luz, ¿como se sente ao recibir o guion e descubrir esta agresión?

-Por unha banda, indígnasche, porque ademais, como xa se irá vendo, todo o caso leva moi mal. Luz non é tan forte como Gloria, senón que é interiormente máis sensible e necesita máis axuda. Pero tamén está a outra parte, a da actriz, para a cal é moi gustoso traballar isto, informarse e ser a voz que loita para reivindicar certo tipo de cousas difíciles de explicar sen desvelar o argumento de próximos capítulos. Xa se irá vendo a medida que avancen.

-¿Son os celos uno dos trazos que definen a Luz?

-Ela quere a Diego e está namorada aínda, pero quere que el sexa feliz e que Marga tamén o sexa. Luz non cre que eles poidan acabar xuntos debido á personalidade que ten Marga, pero ten moi claro que Diego quere algo e non se vai a meter no medio. Pero o amor está aí agarrado no corazón e vaino a ter complicado para esquecelo, a pobrecita. Luz é moi boa xente, pero ver como todo sucede diante dela fai que xurdan os celos. Si finalmente Diego e Marga non se unen, non lle vai a parecer nada mal.

-¿Que depara a segunda tempada de «Serramoura»?

-Vai haber moitas novidades e sorpresas e, como sempre, moitas bágoas. Hai un par de cousas que están por chegar que van facer que na serie haxa un antes e un despois. Algo que fará que algunha xente incluso se enfade e odie aos guionistas, pero son cousas que pasan. Haberá un xiro moi grande. E agora que estamos a gravar novos episodios, todo se complica moito mais aínda.

-As series agora son para velas con manual de personaxes e tramas.

-É que aquí xa non se salva nin o guionista.

-Sheyla Fariña saltou directamente de «Serramoura» a «Acacias 38», en TVE. ¿Gustaríalle seguir os seus pasos?

-Neste mundo non podes planificar demasiado. As cousas pasan de súpeto e eu, aínda que adoro Galicia, non teño problema en trasladarme onde sexa, porque para min o máis importante é a actuación e o meu traballo. Xa deixaremos que o destino actúe.

Votacin
2 votos
Comentarios

Mariana Expósito: «Aquí non se salva nin o guionista»