Arrinca a gravación de «Urxencia cero», nova serie de Voz Audiovisual

TVG emitirá no outono esta ficción ambientada nunha unidade de transplantes

.

Redacción / La Voz

O día a día na unidade de transplantes dun hospital será o eixo argumental da nova serie de Voz Audiovisual para Televisión de Galicia, Urxencia cero, cuxa gravación arrincará esta próxima semana nos mesmos estudios onde anteriormente se recrearon as tramas de Padre Casares, Matalobos e Serramoura. A segunda tempada desta última, xa gravada, chegará a TVG o próximo outono.

Os protagonistas da nova serie, que tamén se estreará no prime time de TVG no outono, serán os doantes e todos os profesionais que salvan vidas.

Urxencia cero é a historia ficticia dunha unidade de transplantes especializada neste tipo de casos prioritarios. Unha nova ficción para TVG que non descarta, como outras series de Voz Audiovisual, a súa comercialización no mercado internacional.

Toma o seu nome dun procedemento de asignación de órganos regulado pola Organización Nacional de Transplantes. Para garantir os principios de igualdade e de equidad en todo o Estado, este organismo conta cuns criterios que estruturan as listas de espera, tendo en conta dous aspectos fundamentais: os territoriais e os clínicos. Unha vez organizadas, estas listas son inamovibles.

Con todo, a denominada Urxencia cero é a excepción clínica coa que a Organización Nacional de Transplantes dá prioridade absoluta a un paciente que se atopa en estado crítico. É un privilexio asociado a un gran risco, xa que o único requisito para entrar nese club exclusivo é o da extrema gravidade.

Serie coral

Urxencia cero será unha serie coral, protagonizada por un gran equipo de actores de primeira liña. Algúns son rostros moi familiares para o público de Televisión de Galicia, pero a serie tamén conta coa incorporación de varios novos valores que prometen ser a gran revelación da tempada.

No elenco figuran nomes como Rocío Barrio, Covadonga Berdiñas, Nacho Castaño, Ana Conca, Raquel Espada, Julia Gómez, Paula Morado, Salvador do Río, Artur Trillo, Dani Trillo, Carolina Vázquez, Carlos Villarino e Paloma Saavedra, esta última seleccionada entre os alumnos da Escola de Ficción de Voz Audiovisual.

Asesorados por algún dos mellores profesionais médicos de Galicia, os protagonistas meteranse na pel dos distintos facultativos que interveñen nun proceso de transplante. Urxencia cero conta coa colaboración da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e co apoio directo dos profesionais do Sergas e, en especial, da Coordinación de Transplantes de Galicia e do Chuac.

Interiores naturais

Os estudios de Voz Audiovisual no polígono da Grela, na Coruña, acollen xa os corredores, cuartos, despachos e zonas comúns do hospital ficticio Francisco Balmis, onde traballan os protagonistas. Pero non todo será unha recreación. As secuencias que se desenvolven en quirófano e na UCI gravaranse nas instalacións do Centro Tecnolóxico de Formación (CTF), un centro de vangarda, pioneiro e innovador que dá resposta ás necesidades formativas no ámbito da saúde. No proceso de preparación da serie, guionistas, actores e equipo técnico recibiron nestas instalacións diversas clases acerca dos procedementos de hixiene cirúrxica, uso e aplicacións do instrumental médico ou manobras básicas que se realizan durante as intervencións.

Unha mensaxe solidaria

España é líder mundial, desde hai 23 anos, nas cifras de transplante de órganos e, dentro dela, Galicia é unha das comunidades punteiras no territorio nacional. Con todo, en Galicia o número de operacións que se practican non se corresponde coa contía das doazóns, que, neste caso, atópanse por detrás das rexistradas noutras autonomías.

Máis aló do mero entretemento televisivo, Urxencia cero nace cunha clara vocación: concienciar ao público galego da importancia e a necesidade da doazón de órganos, achegando aos espectadores de Televisión de Galicia ao traballo dos profesionais que dedican as súas vidas a salvar as dos demais. Os verdadeiros protagonistas de Urxencia cero serán os doantes, os auténticos heroes desta historia.

Información puntual da rodaxe

A nova serie de Voz Audiovisual desembarca desde o comezo nas redes sociais, nas cales os espectadores poderán ir seguindo a evolución da rodaxe e ir coñecendo algo máis sobre a produción. Pode consultarse en Facebook (https://www.facebook.com/urxenciacero) e en Twitter (https://twitter.com/UrxenciaCero).

Votación
9 votos
Comentarios

Arrinca a gravación de «Urxencia cero», nova serie de Voz Audiovisual