Patrocinado por:

Chegou para quedar Apex Legends?

Carlos Pereiro

LECER\

O novo «battle royale» de Electronic Arts e Respawn Entertainment, lanzado fai apenas unha semana, ten xa máis 25 millóns de usuarios. Está dispoñible para a súa descarga gratuíta en PC, PS4 e Xbox One.

12 feb 2019 . Actualizado ás 18:18 h.

É a gran pregunta que esta semana moitos trataremos de responder. Poderá Apex Legends sobrevivir no propio battle royale dos battle royale? A febre polo xénero que Fortnite conseguiu levar a cotas inimaxinables trouxo consigo non poucos intentos por parte doutras compañas de rabuñar algo dese ouro. Respawn e Electronic Arts unen forzas nun lanzamento que foi secreto ata o día da súa estrea e que culminou nun éxito inicial de enormes proporcións.

As cifras son as que son. En pouco máis dunha semana, o xogo contou coa presenza de 25 millóns de xogadores. O martes 5 de febreiro acadouse un pico de 600.000 usuarios conectados e gozando ao mesmo tempo. Non é número baladí.

O obxectivo a curto e medio prazo de Apex Legends é contar cun total de catro tempadas por ano, un modelo similar ao doutros expoñentes do xénero. É dicir, cada tres meses haberá novos elementos que engadan evolución ao título: armas, personaxes, equipamento… Igual que en Fortnite, tamén haberá un pase de tempada gratuíto co que completar desafíos a medida que xoguemos.

Gratis? A mellor presentación

Para que enganar a ninguén. A día de hoxe un xogo que queira entrar na guerra de os battle royale debe presentarse cunha capa de gratuidade obrigatoria. É imposible negar que parte do éxito de Epic Games veu da man desta característica. Se non vale un euro descargalo, máis xente sentirá curiosidade por probalo. Unha vez dentro, unha vez o usuario séntase cómodo, o diñeiro poderá chegar por outras vías.

Apex Legends é totalmente gratuíto. Abonda un botón para descargalo en PlayStation 4 e Xbox One. En PC pode gozarse a través de Origin. Ofrecerá xogo cruzado entre plataformas, aínda que é unha mecánica que aínda non está dispoñible. E si, como xa seguramente xa saibas está inspirado no universo de Titanfall. Agora ben, non agardes atoparche ningún deses monstros mecánicos no título. Oxalá algún día.

Este proba, toca e gózao sen gastar un euro funcionou. A cantidade de comentarios positivos sobre Apex Legends non parou de crecer nas redes sociais e os foros especializados. Cal é o seu punto forte? A diversión e a igualdade de condicións.

Os micropagos quedan reservados, de momento polo menos, ao desbloqueo de diversos cosméticos. Tamén a acelerar a posibilidade de facerse canto antes cos dous personaxes que non se atopan dispoñibles desde o inicio, xa que tanto estes como os skins para armas e o aspecto exterior que mostramos poden ser conseguidos a medida que subamos de nivel coa experiencia colleitada en cada partida.

Dinámico, fluído e cun pouco de todo

Se de algo pode presumir Apex Legends do seu lanzamento é que case todo funciona especialmente ben. Pode parecer algo obvio, pero a industria a acostumado ao público a accesos anticipados, betas inacabadas e títulos que “aínda necesitan moitos arranxos”. Si, o xogo de Respawn ten algún bug, como é natural, pero na práctica resulta todo un exercicio de funcionalidade técnica.

Posúe un apartado gráfico notable, disfrutable, e a acción en pantalla transcorre rápida, veloz. Salvo algunha caída puntual de FPS todo corre particularmente ben. Efectos de son e voces xeran unha inmersión máis que lograda, e, satisfai aínda cando a pantalla che lembra que che eliminaron. É vicioso. Moito.

Por que mola? É unha pregunta simple e á que talvez haxa que darlle menos voltas que noutros títulos. Apex Legends conseguiu mesturar nun mesmo título moitísimas esencias. É normal que alguén nome o último CoD cando nos arrastramos polo chan. Tamén que pensemos en Fortnite e as súas blindaxes, as súas armas. Pero á vez tamén esta o compoñente grupal de Overwatch e as clases de cada Lenda (Heroes, campións ou personaxes que seleccionamos). Unha illa, 60 persoas, 20 equipos. Que gañe o mellor. Todo é familiar, e con todo, a sensación de frescura é moi digna.

Selo persoal: existe e nótase

Aínda bebendo de diferentes fontes, en Respawn souberon tamén dotar ao xogo da suficiente personalidade como para que non pareza un clon descarado do que hai no mercado. Agradécese, por suposto.

Cada personaxe que escollamos posúe unhas características únicas que o farán diferente no combate. Cada un posúe unha actividade pasiva, unha activa e unha ultimate. A grandes liñas podería falarse de catro clases distintas: rastreador (localiza e pode seguir os pasos dos inimigos así como detectar a súa posición), asalto ou tanque (sempre en primeira liña, capaz de xerar escudos de forza), apoio (ofrecen curación ou loxística á hora de moverse polo mapa, como crear tirolinas para fuxir ou iniciar o combate) e asasino (máis veloces que o resto, con capacidades enfocadas á invisibilidade, crear portais ou crear cortinas de fume).

Así, cada partida resulta unha experiencia distinta á que é xa de seu. Non sempre teremos os mesmos tipos de compañeiros, nin nós xogaremos a mesma clase. Parece que hai algunha a día de hoxe máis desbalanceada? Podería ser, aínda que en boas mans e tomando decisións correctas todas as lendas teñen a súa aquel.

Sobre o campo de batalla tamén hai algunha que outra mecánica nova. Cando morremos, quedaremos moribundos, coa capacidade de movernos pero non de atacar. Poderemos ser reanimados ao momento por un compañeiro aínda que tamén podemos ser rematados polos rivais. Se iso ocorre a partida aínda non acabou. Se o noso amigo se fai co cartón que deixamos caer, pode a ir un punto de recuperación no mapa e traernos de novo á a vida. Iso si, sen armas nin equipamento. Vive hoxe, loita mañá. En Apex Legends a retirada non é de covardes.

Por suposto, hai diferentes tipos de armas e munición. Tamén selectas. Buscar a que mellor se adapte a cada estilo de xogo é máis que recomendable. Ollo, porque só podemos portar dous, nada de ir cun arsenal enteiro no peto. De igual xeito, a mochila que portamos é limitada, aínda que pode expandirse.

Outro acerto enorme dentro das súas mecánicas de combate é a posibilidade de marcar, cun só botón multitude de accións. Podemos indicar que aquí estivo o inimigo, que o divisamos, que vou cara aí, sinalar un obxecto… A comunicación sen necesidade de micrófono é abafadora e tremendamente útil. Moi natural e sinxela ademais.

Vive e deixa… mata, mellor mata

O xénero battle royale ten un novo inquilino na casa. Unha moda na que mesmo o lendario CS:GO caeu. Moitos son os competidores, e o futuro sempre é un horizonte incerto para o que as bólas de cristal de pouco serven. Apex Legends empezou cun bo pé innegable, e iso xa é un feito meritorio nos tempos que corren onde nadamos na abundancia das opcións. Veremos se sabe manter o ritmo.

Este artigo publicouse inicialmente en Revista Morcego.