Patrocinado por:

Malos tempos para a lírica de Final Fantasy XV

Carlos Pereiro

LECER\

Square Enix cancela o 75 % dos DLC anunciados para o último título da mítica franquía de videoxogos tras a saída de Hajime Tabata da compaña

14 novs 2018 . Actualizado ás 10:31 h.

Se a súa creación é narrada como unha das máis esperpénticas da industria do videoxogo nos últimos anos, parece que Final Fantasy XV tampouco poderá salvar o seu final. A saída de Hajime Tabata de Square Enix provocou un tsunami de proporcións bíblicas dentro da compaña. De momento, a empresa nipoa cancelou o 75 % dos DLC anunciados para FF XV, o último título no que Tabata traballou, e traballará, con Square Enix.

A décimo quinta entrega da saga Final Fantasy tardou en finalizarse unha década. Polo camiño, a listaxe de cambios na produción é antolóxico, incluíndo a substitución do seu director. Con todo, viu finalmente a luz un xogo notable, afastado do que moitos lembrarán dos títulos máis clásicos da saga pero con personalidade propia grazas ao seu grupo de protagonistas e un road trip con momentos máis que interesantes. Tardou en chegar a PC, pero chegou. Cun apartado visual exquisito, a idea era que FF XV tivese vida para longo. Non será así.

De todos os contidos descargables mostrados en abril, só se salvarán dous: o Episodio Ardyn, que chegará en marzo do ano que vén, e unha versión da expansión multijugador Irmáns de Armas.

Tabata, que pasou?

Hajime Tabata, director de Final Fantasy XV, anunciou onte que deixaba de liderar Luminous Productions e que prescindirá do paraugas laboral de Square Enix de xeito inmediato. Todo isto foi mostrado nun streaming en directo no que non poucos pensabamos que o que se ía mostrar eran avances dos DLC futuros.

Tabata demostrou un heroísmo propio, ao conseguir finalizar a décimo quinta entrega da saga. Un xogo que nacía das cinzas de ese Final Fantasy Versus XIII despois de que Tetsuya Nomura deixase de comandar o barco que tiña que levalo a porto. Non foi unha tarefa doado. Tabata logrou recompor as pezas e construír un proxecto novo que acabou sendo o que hoxe coñecemos por FF XV. Ollo, se un quere mergullarse na historia deste título comprobará con alivio como un despropósito tan grande conseguiu finalmente acadar a calma na forma dun título máis que xogable, impensable anos antes.

Tabata salvou o último Final Fantasy e publicouno a tempo. Faltaban cousas, pero tamén asegurou que se irían engadindo. E así foron chegando capítulos novos, diálogos, cinemáticas, melloras no combate (como poder controlar a todos os personaxes) e o tempo pasou. Se o xogo orixinal foi lanzado en novembro de 2016, no 2017 recibiría unha primeira remesa de DLC que, resumindo o asunto, narrarían as vivencias persoais dos principais protagonistas de FF XV.

Mentres se anunciaba un sistema multijugador, e íanse mostrando novos contidos futuros para o título en cuestión, Square Enix abría un estudo novo, Luminous Productions, coa idea de ser a súa punta de lanza para producir xogos triplo A. Tabata foi o elixido para ser o seu director e crear novos proxectos. Ata agora. Da súa marcha, ademais da rotundidade e celeridade da mesma, pouco sábese. Non hai un motivo oficial máis aló de especular cos posibles problemas de financiamento e resultados que atravesa o estudo.

O que queda

Square Enix non titubeó no seu streaming e non quixo maquillar as malas noticias. Tabata vaise e só se contempla rescatar o episodio protagonizado por Ardyn. Ese arco narrativo que sería The Dawn of the Future (ironías da vida a do seu nome) quedará a medias… Ou nin sequera. Os episodios Aranea, Lunafreya e Noctis non chegarán de ningunha maneira ao mercado. Akio Ofuji, director xeral da saga, confirmouno claramente: «A compaña fixo un cambio na súa dirección, e a decisión tomada pasa por reexaminar estes proxectos, o que conclúe coa produción de o Episodio Ardyn, e a cancelación do resto».

E agora? Sobre a mesa queda ese Final Fantasy XV: Irmáns de Armas, que chegará como xogo independente, polo cal non necesitaremos ter o FF XV se queremos gozar del. Aterrará nunha versión dixital con 10 novos xefes finais, armas, traxes… O 12 de decembro aparecerá nas tendas cun prezo de 14,99 euros.

Tamén está o crossover entre FF XV e FF XIV, Aventuras doutro mundo, que chegará en forma de misión final para a última entrega e contará as aventuras de E'jhimei, unha moza que busca axuda no mundo de Noctis. Xuntos, deberán derrotar a Garuda, un dos xefes finais de FF XIV e evitar así un cataclismo global.

Ben está o que ben? acaba

Podía non ser agardado este final tan amargo para as aventuras dos protagonistas de FF XV, pero nun sentido lírico, poético, non podía ter outro. A creación desta entrega volveu lembrar aos xogadores todos os problemas que arrastra Square Enix cunha das sagas máis valoradas e recoñecidas dentro da industria. O seu é un camiño cara a un cantil que comezou co seu último éxito verdadeiro, ese Final Fantasy XII de PlayStation 2 que vendeu seis millóns de unidades pero que xa adoecera de moitísimos problemas na súa xestación.

Despois, a pouco que un siga os movementos de Square Enix, xa sabe que ocorreu. Títulos incapaces de rivalizar coas historias do pasado mentres aumentaba a toxicidade dentro da compaña con moitos traballadores falando de  crunchs para finalizar xogos deixados a medias e un bo puñado de directores que se saían da compaña durante o proceso de produción. E aínda está aí o remake de Final Fantasy VII, sen data clara e coa posibilidade de pasarse xa á seguinte xeración de máquinas.

A franquía Final Fantasy pasou de realizar dez títulos numéricos en catorce anos a tan só cinco nos últimos dezasete. O dato pode exercer de resumo empírico para comprobar os problemas que a empresa xaponesa ten entre mans cando se trata de crear un novo JRPG coas dúas efes no seu nome. Unha espiral de traballo mal feito da que non parece poder saír.

Aquí queda o streaming, en inglés, no que a compaña fixo público todos os datos narrados.

Este artigo publicouse inicialmente en Revista Morcego